Galaxia entra no mercado en español cos selos “Sueños del Gatipedro” e “Mar Maior”

Galaxia entra no mercado en español cos selos “Sueños del Gatipedro” e “Mar Maior”
Mamacabra
Mamacabra  

Con “Sueños del Gatipedro”, unha liña de produtos para público novo que se presenta con dous títulos en parcería con Fol Música e a colección “Mar maior” con obra de autores como Eduardo Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro, a editorial Galaxia entra no mercado en español. 


Galaxia presentará en Líber, os próximos 2, 3 e 4 de outubro, o seu selo “Sueños del Gatipedro” co que a editorial galega entra no mundo editorial en español cunha liña “de produción e distribución cara ao mercado exterior” e que ten no seu lanzamento ao público máis novo como destinatario. 

En parcería con Fol Música, preséntase “Sueños del Gatipedro” con dous títulos de saída, “Deveribés”, unha selección de grandes temas do grupo Mamá Cabra e “La niña y el grillo en un barquito”, de Magín Blanco, editado de maneira orixinal en galego. 

Co lema “libros que suenan para niños que sueñan”, a editorial afirma que o obxectivo é a “proxección exterior dos credores galegos”. O selo conta cunha páxina web propia www.gatipedro.com unha canle de televisión en youtube e presenza en redes sociais.  A nova liña de produción de Galaxia non se cinguirá a produtos analóxicos. Incorporará albumes ilustrados con presenza audiovisual, concertos e tamén producións dixitais e electrónicas para a súa distribución na rede. 

Mar Maior 

Obra en español de Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Wenceslao Fernández Flórez, Concepción Arenal, Julio Camba, Emilia Pardo Bazán ou as novelas de Rosalía de Castro integrarán a colección Mar Maior. Galaxia define esta nova liña como “unha editorial dentro da editorial” que incorporará obras en español ao seu catálogo. 

O nome "Mar Maior" non é novo na produción editorial de Galaxia. "Mar Maior” é tamén o selo que a editorial anunciou na Feira do Libro de Buenos Aires de 2012 para a distribución e produción encamiñada ao mercado arxentino. Un libro sobre “Os galegos na Arxentina” de grande formato editado en galego e español e da autoría de Mª Rosa Lojo e Ruy Farias puña a andar esa nova iniciativa de Galaxia.