EN VIGO

A Sega reivindica no Día das Galegas nas Letras a figura imprescindíbel de Xela Arias

A Sega reivindica no Día das Galegas nas Letras a figura imprescindíbel de Xela Arias
Unha parada do roteiro guiado por Susana Arins [Imaxe: A Sega]
Unha parada do roteiro guiado por Susana Arins [Imaxe: A Sega]  
Desde as 12.00 horas e até as sete da tarde, a Plataforma de Crítica Literaria A Sega homenaxea a poeta Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) no marco da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha iniciativa que busca sacar do ostracismo e da invisibilización mulleres fulcrais da cultura do país. O colectivo láiase de que a Real Academia só teña recoñecido  o labor de catro mulleres ao longo da súa centenaria historia; por contra, Sega xa leva seis edicións. 

É ben significativo que, como explica Eli Ríos, a Real Academia Galega só teña recoñecido o valor literario e cultural de catro mulleres ao longo da súa centenaria historia cando a Plataforma de Crítica Literaria A Sega xa leva seis edicións do seu Día das Galegas nas Letras. "É a constatación", sostén, "de que a realidade vai moi por diante do que o fan as institucións". 

No día de hoxe, no parque do Castro de Vigo, Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), é a protagonista. Cun roteiro "imaxinario (ou non)" pola súa vida, guiado por Susana Arins, e a lectura dun manifesto sobre as razóns de lle dedicar esta xornada e de celebrar, ao tempo, unha iniciativa destas características, decorreu a mañá da homenaxe, que rematou coa sesión vermú de Dúas Gamberras e un Micro e cun xantar popular no que se deron cita ducias de persoas atraídas pola personalidade e a traxectoria incomparábel da poeta, tradutora e editora luguesa. 

A celebración non para aí. A actuación das Pandereteiras de Verducido, a poesía de Cristal Méndez Queizán, as regueifas de Alba María e Queco, a intervención de Silvia Penas e a música de Laura LaMontagne e Mai, así como un obradoiro de camisolas a cargo de Nuria Vil, completarán unha xornada reivindicativa que pretende pór no lugar que lle corresponde non só Xela Arias, senón todas as mulleres "esquecidas polas institucións culturais do país", sinalan desde A Sega. 

"Presenza ridícula" na oficialidade

Emma Pedreira destaca de Xela Arias o seu carácter transgresor e a súa achega "impagábel" aos eidos da poesía e da tradución. "Vémonos na obriga de facer o que non fan as institucións, nas que a presenza feminina é testemuñal ou, mellor dito, ridícula". E non é unha cuestión de méritos. "Soou como candidata para o Día das Letras da RAG", apunta, "e a nós parecíanos xenial, mais iso non ía impedir organizar este acto". "Estamos felices", prosegue, "de poder levalo adiante e de ver que as redes sociais están envorcadas e que moita xente, sobre todo moita xente nova, estea descubríndoa. Para nós, isto revela que a súa obra segue a ser actual e un reclamo para moitas persoas". 

"Móvennos as ganas de celebrar os nosos referentes", sostén Eli Ríos, "tanto para as escritores de hoxe como para as que están por vir, obrigadas a construír o mundo desde a nada, invisibilizadas como estiveron e estamos en calquera eido, o cultural incluído", manifesta. "Xela foi poeta, tradutora, editora... E viviu sempre nas marxes. É hora de cambiar moitas dinámicas, non só institucionais, senón tamén na sociedade. Xa abonda!", láiase. 

Para María Reimonde é fundamental sacar do esquecemento e do ostracismo autoras chave na literatura galega cunha "traxectoria moito máis relevante" que outros escritores que si obtiveron tal recoñecemento institucional e cunha menor capacidade de incidir na súa e posteriores xeracións. "Debemos pór o foco na falta de apoio desas institucións e reinvindicar a urxencia de saír do silencio", engade. Nesa liña, lamenta que ese escaso apoio teña ademais repercusión no coñecemento e difusión da obra de Xela Arias. "O seu labor no campo de tradución segue sen ser estudado malia dimensión que ten", critica.