ESTUDO XENÉTICO DAS UNIVERSIDADES DE OXFORD E COMPOSTELA

Galiza e Portugal mostran antergos indistinguíbeis que comparten con grupos non españois

Galiza e Portugal mostran antergos indistinguíbeis que comparten con grupos non españois
Algúns dos mapas resultantes da análise dos 1.400 individuos estudados
Algúns dos mapas resultantes da análise dos 1.400 individuos estudados  

O estudo, publicado por "Nature Communications", foi elaborado polas universidades de Oxford e Santiago de Compostela e nel constátase tamén importantes diferenzas entre comunidades separadas por menos de 10 quilómetros. Apunta tamén que a poboación galega é a que máis carga de ADN africano ten no Estado español.


Un estudo das Universidades de Oxford e Compostela confirma o que xa se apuntara nun avance de hai case un ano: os movementos migratorios orixinados pola ocupación musulmá e a chamada “Reconquista” condicionaron de xeito decisivo o mapa xenético da Península Ibérica.

O equipo de Ángel Carracedo leva anos analizando as particularidades do ADN das galegas e galegos. E, malia que xa se foron avanzando resultados a priori sorprendentes, non foi até esta semana cando “Nature Communications” deu a coñecer o estudo que conclúe que os actuais habitantes de Galiza son os que teñen máis carga de ADN africano de todo o Estado español.

Outra das conclusións é que existen importantes diferenzas xenéticas entre zonas do país separadas nalgúns casos por menos de 10 quilómetros e sen accidentes xeográficos relevantes (un mesmo val, por exemplo). Trátase dunha característica insólita no mundo, cando menos en toda a literatura científica publicada até o de agora. Ademais, o traballo recolle que "Galiza e Portugal mostran antergos indistinguíbeis que comparten con grupos non españois”.

As migracións no interior da Península Ibérica foron moldeando os patróns xenéticos ao longo do último milenio. Esa tese apunta os avatares bélicos e políticos como a principal causa de que a poboación da Galiza actual sexa a que posúa a maior carga de ADN africano de todo o Estado.

Trátase, como asegura o propio estudo, dun achado sorprendente: “a ascendencia do norte de África non reflicte a proximidade ao norte deste continente, nin tan sequera ás rexións que estiveron baixo un contol musulmán máis estendido”. Así, afirma que, á vista dos máis de 1.400 invididuos analizados, “as maiores cantidades de ascendencia norteafricana atopadas dentro da Península Ibérica están no oeste (11%), mesmo en Galiza, malia que esta nunca estivo baixo dominio musulmán”. Efectivamente, os asentamentos bereberes ao norte do Douro foron abandonados no século VIII.

O traballo sinala que as diferenzas xenéticas son cativas na dirección norte-sur dentro de España e a evidencia do fluxo de xenes nesa dirección é máis sinxela de interpretar á luz da información histórica sobre a "Reconquista", durante a cal o territorio controlado polos cristiáns no norte se trasladou gradualmente cara ao sur desde mediados do século VIII despois da conquista musulmá da península (711). En 1249, case toda Iberia estaba baixo o dominio cristián e a Batalla de Granada en 1492 marca a fin do mando musulmán en Iberia. Hai evidencias históricas da migración dos pobos dos reinos cristiáns do norte cara as rexións recén ocupadas durante a Reconquista. “Os límites este-oeste dos grupos que vemos no norte de España”, subliña o estudo, “correspóndense estritamente coas rexións de amplas diferenzas lingüísticas no norte gobernado por los cristiáns, que se remontan cando menos aos primeiros 200 anos de goberno musulmána. Polo tanto, semella que a estructura da poboación actual dentro de España está formada por movementos migratorios dentro deste período clave”.

“Tamén detectamos unha pegada xenética da conquista musulmá e séculos posteriores do seu dominio”, di o traballo. “Trala chegada duns 30.000 combatentes, produciuse unha migración civil dun número descoñecido de persoas, que se cre que son principalmente bereberes do norte de Marrocos que se asentaron en moitas partes da península. A nosa análise confirma un impacto xenético substancial e rexionalmente variábel, que se reduce a un período que abrangue menos de 400 anos”.