DO 25 AO 27 DE ABRIL EN PONTEVEDRA

O Galegote tómalle a temperatura ao rock en galego

O Galegote tómalle a temperatura ao rock en galego
Querido Extraño na presentación do Galegote Rock 2019 o pasado 29 de marzo en El Pequeño, en Pontevedra. Foto: Galegota.
Querido Extraño na presentación do Galegote Rock 2019 o pasado 29 de marzo en El Pequeño, en Pontevedra. Foto: Galegota.  

O rock en galego transcendeu os seus propios límites hai tempo. O cartel do Galegote Rock é unha mostra: punk rock, kraut electrónico, hip hop vangardista, garaxe desfigurado. De practicamente todo existe e practicamente todo poderase ver e escoitar en Pontevedra do 25 ao 27 de abril.
 


Esta quinta feira, 25 de abril, é o intre do aperitivo. A partir das oito do serán na Taberna do Jazz estarán Ela e Dylan; ás nove no Diaño High Paw; e ás dez, na Sala Karma, Boyanka Kostova, trap. Na sexta feira, 26 de abril, o Sr. Anido e o seu garaxe marciano actuará en The Groove House a partir das nove da noite. Unha hora máis tarde, en El Pequeño, será Gancho Sanches o grupo protagonista.

galegote rock cartel

Mais o día grande do Galegote, festival organizado polo Concello de Pontevedra, será o sábado 26 de abril. A romaría, como toda boa romaría, comezará na sesión vermú. Marcelo Dobode estará no Campiño. Á unha, na rúa Sor Lucía, Pantis amosará a evolución ruidista da súa electrónica kraut e presentará cancións do seu inminente segundo disco. Xeración Sónica no Campiño e o picadiscos Manuele Caamagno, máis coñecido polo seu labor á fronte da Familia, na praza Méndez Núñez completarán a mañá.

A tarde decorrerá toda nas Palmeiras. Comezará ás cinco co concerto de Grilo. Despois será a quenda de Chicharrón, que recollen parabéns críticos polo seu disco Cancións clínicas, dream pop escuro e poético. Oh! Ayatollah e o seu pop de guitarras para bailar amargos actuará ás sete. Unha hora despois, Malandrómeda exporá a súa maneira de retorcer o rap, entre o humor existencialista e as sonoridades experimentais.

O Galegote Rock 2019 rematará ás nove da noite. Terbutalina, punk rock de alta velocidade e sarcasmo salvaxe, será a banda encargada de botarlle o peche a un festival que anegará Pontevedra de músicas en galego.