Galeusca literaria celebra o trinta aniversario en Pontevedra

Galeusca literaria celebra o trinta aniversario en Pontevedra
Presidentes de Galeusca
Presidentes de Galeusca  

Dos días 25 ao 25 o Encontro da Federación Galeusca achegarase en Pontevedra á literatura infantil e xuvenil. A xuntanza das asociacións das literaturas galega, catalá e vasca conmemoran o trinta aniversario do manifesto de Poblet. 


Con carácter rotativo, a xuntanza deste ano 2013 ten como anfitrioa á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e desenvolverase na cidade de Pontevedra cun tema no que a nosa literatura ocupa un lugar cimeiro, a literatura infantil e xuvenil. 

Desta volta, a xuntanza terá unha conmemoración engadida xa que se fai o trinta aniversario da sinatura do manifesto de Poblet que mostraba a vontade dunha acción conxunta das representacións literarias das tres linguas de nacionalidades históricas. “”Seguen en pé os principios de coñecernos sen intermediarios cunha actividade sostida no tempo desde que se converteu en Federación. O manifesto de Poblet falaba de que a literatura non é allea ao destino político das tres nacións e a supervivencia das nosas linguas e trinta anos despois seguimos mantendo a mesma idea” sinala o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias. “Unha das últimas accións conxuntas foi o comunicado contra a Lei Wert que nos afecta ás tres linguas e literaturas e, nese sentido, consideramos que a literatura ten que pular polas condicións acaídas das sociedades nas que se insire” engade Sánchez Iglesias. 

Por segunda ocasión o Encontro se celebra en Pontevedra, onde xa se reuniron representantes das tres literaturas hai nove anos. “A colaboración do concello e a promoción da literatura e a propia cidade, da que nos enorgullecemos, que convida a ser mostrada foron algunhas das razóns que levaron a escollela como sede” comenta Cesáreo Sánchez reparando aínda na dedicación de Pontevedra á literatura infantil e xuvenil, cun Salón xa consolidado e dúas editoriais de referencia tamén fóra do ámbito galego que naceron na cidade, Oqo e Kalandraka. 

Un programa para tres literaturas

O Encontro da Federación Galeusca terá lugar do venres 25 ao domingo 27 . “A literatura infanto-xuvenil: Perspectivas de futuro e adecuación a novos formatos,” é o título completo desta nova cita organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea que conta co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra.

Tres mesas redondas sobre narrativa, poesía e teatro serán o centro da xornada de sábado que comezará na Casa das Campás ás 10 da mañá. Moderada por Francisco Catro, a primeira mesa achegarase á situación da narrativa infantil e xuvenil con Pere Morey (AELC), María Reimóndez (AELG), Fernando Morillo Grande (EIE). Xa pola tarde, ás 16:00 horas, a poesía será o ámbito do encontro coordinado por Antía Otero que xuntará a Josep Francesc Delgado (AELC), Carlos Negro (AELG), Nicolás Zimarro Bravo (EIE). A seguir Pau Marqués (AELC), Ánxeles Cuña (AELG), Alaitz Olaizola Borda (EIE) avaliarán o momento do teatro para públicos de menos idade nunha mesa que presenta e modera Mercedes Queixas.

As persoas que asistan ao encontro de Galeusca terán oportunidade de participar nun paseo literario con “cicerones” de excepción, Xosé Vázquez Pintor e Fina Casalderrey. 

O domingo tamén na Casa das Campás terá lugar ás 10.30 horas a asemblea da Federación Galeusca e a lectura de conclusións e clausura.