EXPOSICIÓN NA CIDADE DA CULTURA A PARTIR DO 15 DE NOVEMBRO

Galiza na encrucillada do mundo

Galiza na encrucillada do mundo
O comisario da mostra Manuel Gago (segundo pola dereita) e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reciben este 13 de novembro un Códice Calixtino e mais o Cancioneiro da Vaticana. Imaxe: Xunta de Galiza.
O comisario da mostra Manuel Gago (segundo pola dereita) e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reciben este 13 de novembro un Códice Calixtino e mais o Cancioneiro da Vaticana. Imaxe: Xunta de Galiza.  
Galiza, un relato no mundo é a exposición que as autoridades autonómicas inauguraron este 14 de novembro e que estará aberta ao público a partir da sexta feira, 15, na Cidade da Cultura de Compostela. E é unha mostra sobre as achegas da nación galega ao mundo e sobre as achegas do mundo á nación galega e a súa identidade.

Comisariada polo escritor, xornalista e divulgador Manuel Gago e organizada pola Xunta, a súa descrición oficial é a da “premeira das tres grandes exposicións con motivo do Xacobeo 21, centrada nas relacións internacionais da Galiza e a súa presenza no mundo”. Gago explica que a iniciativa pretende entender a nación galega como “unha entidade dinámica en relación coa súa contorna”.

Para cumprir ese obxectivo, o discurso expositivo comeza na Prehistoria e chega á actualidade. E párase, eis a circunstancia máis vistosa da mostra, en numerosos obxectos emblemáticos, simbólicos, algúns dos cales estarán por primeira vez na Galiza. É o caso da Biblia Kennicott, alfaia da ilustración medieval facturada no século XV na Coruña e expulsada polo decreto antixudeu dos Reis Católicos. Ou da impresionante escultura A Santa, de Francisco Asorei, chegada do Uruguai.

Máis de 300 pezas organizadas en dous sectores fan parte de Galiza, un relato no mundo. O primeiro contén “as entradas”, é dicir, as achegas e inetraccións doutras culturas coa Galiza. O segundo, “as saídas”, as contribucións do país ao mundo. O Libro das Invasións -o relato de como Breogán chegou a Irlanda-, que por primeira vez sae de Dublín; ou a bandeira do Terzo de Galegos na Arxentina -un batallón que combateu as chamadas Invasións Inglesas que axiña habían derivar na Revolución de Maio e a independencia arxentina.

As reflexións de Galiza, un relato do mundo, que estará aberta até o 21 de abril de 2020, non só se realizan a partir destes obxectos históricos. Tamén se poñen en custión ideas preconcibidas sobre Galiza e elabóranse xenaloxías doutras, como a de fin do mundo. “A mostra quere fuxir do esencialismo e comprender a conformación da identidade nacional galega como algo dinámico e en relación coa súa contorna”, explicou ao semanario Sermos Galiza Manuel Gago nunha reportaxe que recolle o seu último número, o 372, desde o 14 de novembro nos quioscos.