8 E 9 DE XUÑO EN AL-HOCEIMA

Galiza no Festival Amazigh do Rif

Galiza no Festival Amazigh do Rif
Protestas amazigh en Marrocos. Foto: cedida.
Protestas amazigh en Marrocos. Foto: cedida.  

Os pobos amazigh habitan no norte de África e falan linguas bérberes. Son entre 14 e 25 millóns de persoas, principalmente localizados nos actuais Estados de Marrocos, Alxeria e Tunicia. E son protagonistas da sétima edición do Festival Internacional Amazigh pola Arte e o Patrimonio do Rif, en que Galiza terá un papel significativo.


7º Festival Amazigh

O encontro será an Al-Hoceima (Alhucemas), capital da provincia homónima de Marrocos, o 8 e o 9 de xuño. Organizan o Concello de Alhucemas, o Instituto Español Melchor de Jovellanos e a Fundación Carlos Velo. O cineasta republicano e exiliado de Maside protagoniza o 8 de xuño unha das sesións: ás cinco da tarde proxéctase o seu filme Romancero Marroquí (1938), que presentará Enrique Acuña, da fundación do director.

Na mesma xornada haberá unha conferencia sobre a situación da lingua amazigh no proxecto de lei educativa de Marrocos e outras actividades.

Ao día seguinte, domingo nove de xuño, a presenza galega terá diversas vertentes. O historiador Dionisio Pereira falará do seu último libro, Escritos africanos, entre Galiza e o Rif, unha mirada desde a periferia e haberá unha “exposición bibliográfica sobre Galiza”. Un concerto pechará o festival ás cinco da tarde, e nel, ademais de Izran -folclore rifeño- acturá o galego Ialma.

Todas as actividades serán na Casa da Cultura de Al-Hoceima, agás a presentación do libro de Pereira e a exposición, na biblioteca Juan Román do Instituto Español Melchor de Jovellanos.