TRADUCIÓN DO SÁNSCRITO

"En Galiza é moi difícil procurar unha boa formación en linguas e culturas da India"

"En Galiza é moi difícil procurar unha boa formación en linguas e culturas da India"
Imaxe do 'Pañcatantra' en sánscrito.
Imaxe do 'Pañcatantra' en sánscrito.  

A primeira tradución directa do sánscrito ao galego é obra do profesor da Universidade de Santiago José Virgilio García Trabazo. O Pañcatantra (Rinoceronte Editora, colección Vétera), escrito entre os séculos III e VI a.C., "é un dos textos máis importantes da literatura india", explica García Trabazo vía correo electrónico.


Amais de nos "méritos literarios" dunha obra con fins didácticos que recolle unha "longa tradición de contos e fábulas de animais", a súa importancia reside na "enorme difusión que tivo fóra da India". Mesmo o infante Afonso, que máis tarde sería o rei Afonso X O Sabio e autor da Cantigas de Santa María, encargou unha tradución "a partir dunha antiga versión árabe, á súa vez tirada dunha versión persa, das primeiras feitas directamente a partir do orixinal sánscrito".

Esta historia de voltas e reviravoltas, habitual nas literaturas clásicas -o Pañcatantra é un dos textos chave do clasicismo literario indio-, favoreceu a súa influencia. "Ensina a arte do goberno ou da política, mais tamén a sabedoría práctica e o coñecemento da diversidade dos caracteres humanos", esténdese o tradutor, "a poesía artística ao servizo dun propósito didáctico foi unha innovación, que tivo éxito e continuidade en toda a literatura mundial".

profesor José Virgilio García Trabazo, tradutor do sánscrito

O primeiro depósito de literatura sánscrita en galego enfrontouse a dous planos de dificultades, relata García Trabazo, "o do contido e o do estilo". O Pañcatantra contén prosa e verso. "A prosa, típica do sánscrito clásico, presenta as dificultades técnicas inherentes a unha lingua de estrutura sintética, con abundancia de composición nominal e preferencia polos períodos longos", explica, "e para facer unha versión galega lexible, o tradutor vese, por exemplo, na obriga de introducir formas verbais, interrupcións ou subordinacións onde o orixinal sánscrito utiliza períodos continuos e con predominio da construción nominal".

Este problema repítese para o tradutor nas partes versificades. Ao que se engade "a enorme polisemia dos termos sánscritos esixe moita atención en determinados contextos á hora de elixir o equivalente axeitado en galego". Pero a ausencia de pontes entre o sánscrito e o galego non ten nada a ver con problemas técnicos. "Ao contrario doutros países europeos, non dispoñemos da especialidade académica da indoloxía e, así, resulta moi difícil procurarse unha boa formación nas linguas e culturas da India e do sur de Asia", considera. No "conxunto ibérico" a situación "non é moito mellor". García Trabazo salienta, con todo, a existencia dalgunhas "boas traducións" ao castelán e "algunhas menos" ao portugués.

O tradutor confía en que o Pañcatantra en galego chegue a unha audiencia "moito máis ampla do que pode parecer a primeira vista". Basea a súa intuición no carácter pioneiro da versión e na súa decisiva influencia "decisiva" no desenvolvemento dos contos en toda Europa. "Mesmo o pensamento de Maquiavelo ten as súas raíces nesta tradición", sinala, antes de concluír: "Pode contar cunha boa acollida en sectores interesados na cultura da India, entre os historiadores do pensamento e da ciencia política".

Imaxe de José Virgilio García Trabazo. Foto cedida.



x