O Galo organiza unhas xornadas para difundir o legado das Irmandades da Fala

O Galo organiza unhas xornadas para difundir o legado das Irmandades da Fala
o galo
o galo  

Dar a coñecer o labor que desenvolveron as Irmandades da Fala en Compostela. Este é o principal obxectivo das completas xornadas que organiza a Agrupación Cultural O Galo, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela,  a Mesa pola Normalización Lingüística e Erguer, durante o 13,14 e 22 de outubro e do 21 ao 25 de novembro na facultade de Filosofía da USC.


A Agrupación Cultural O Galo deu a coñecer na mañá desta quinta feira as xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela”, que decorrerán o 13, 14 e 22 de outubro e mais o 21, 22, 23, 24 e 25 de novembro na Facultade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos). En rolda de prensa, Marcos Maceira, vogal do Galo e presidente da Mesa, explicou que a asociación cultural considera unha obriga “non deixar ao esquecemento o feito de que só dez días após a constitución das Irmandades na Coruña, Porteiro Garea fundaba a sección das Irmandades en Compostela”.

“Consideramos que no seu centenario é importante dar a coñecer que en Compostela residiron e desenvolveron un labor significativo boa parte dos membros máis sobranceiros das Irmandades da Fala”, salientou Maceira, responsábel da Dirección das xornadas. Así, lembrou que ás Irmandades pertenceron “os máis importantes poetas das décadas vinte e trinta, o iniciador da industria editorial na Galiza, Ánxel Casal, profesorado da USC que formou varias xeracións e persoas destacadas a nivel sindical e político”.

Maceira: “As Irmandades ergueron Santiago como símbolo de Galiza, e a cidade parece en moitas das súas creacións”

O vogal do Galo tamén salientou a presenza da sección feminina das Irmandades, da que fixeron parte María Miramontes e Olimpia Valencia, entre moitas outras mulleres. E fixo fincapé en que “as Irmandades ergueron Santiago como símbolo de Galiza, e a cidade aparece en moitas das súas creacións”.

Maceira puxo de manifesto que o obxectivo das xornadas pasa por “divulgar o seu legado en todas as vertentes” e por “contribuír a crear conciencia nacional e construír un país, Galiza”.

Xornadas de balde

Foi Isabelle Kerdudo, responsábel da Coordinación e Secretaría das xornadas, quen explicou que a inscrición é de balde e que se expedirá un certificado para quen asista, cando menos, ao 80% das actividades. Para se inscribir (é posíbel asistir a todas as actividades, a unha soa ou a algunhas), é necesario facelo a través da web irmandadesdafala.wordpress.com.

Kerdudo expuxo as temáticas das investigacións que se darán a coñecer nas xornadas. Unhas temáticas que abranguen desde a política e o eido sindical ao agro, poesía, prensa, teatro, feminismo, ao papel da editorial Nós ou á estética dos artistas como Camilo Díaz e Francisco Asorey... Salientou, ademais, o roteiro que terá lugar o 22 de outubro polos lugares de Compostela onde moraron ou realizaron actividades membros da Fala.

Entre as persoas relatoras das xornadas atópanse Emilio Xosé Insua, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Laura Tato, Xusto Beramendi, Rosa Aneiros, Encarna Otero, Teresa López Fernández ou Miguel Anxo Seixas.

O programa completo pode consultarse nesta ligazón. Patrocinadas pola Deputación da Coruña, colaboran nas xornadas a USC, a Mesa e Erguer.