A CUARTA FEIRA EN COMPOSTELA

O Galo presenta o cómic que dá vida a Seoane

O Galo presenta o cómic que dá vida a Seoane
Un detalle da capa do libro.
Un detalle da capa do libro.  

“Seoane. O creador na súa tinta”, de Carlos Taboada e Enrique Mauricio, chega a Compostela da man da Asociación Cultural O Galo a próxima cuarta feira, 26 de xuño, cunha presentación e posterior roteiro.


imagenGrande1A A.C. O Galo presentará a próxima cuarta feira, día 26, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, Compostela) o libro Seoane. O creador na súa tinta, primeira parte da banda deseñada de Enrique Mauricio e Carlos Taboada. Será ás 19 horas e media hora após comezará un roteiro polas rúas da cidade para coñecer os principais lugares onde o célebre pintor desenvolveu a súa vida como estudante de Dereito da USC.

O libro dá conta dos primeiros anos da vida do polifacético creador e a partir de textos do propio Seoane e de persoas próximas a el, dá vida e fai memoria da súa etapa de estudante en Compostela, das súas influencias, experiencias, primeiros traballos e pensamento até o seu exilio na Arxentina após o golpe de Estado de 1936.

Tomarán a palabra no acto os propios autores, que en 2008 crearon o colectivo “Polo Correo do Vento”, especializado en actividades para o público máis novo co fin de promover a lectura, a comprensión oral e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística.