Google dedica o seu “doodle” a Rosalía no seu aniversario

Google dedica o seu “doodle” a Rosalía no seu aniversario

Millóns de ordenadores abren neste 24 de febreiro lembrando Rosalía no seu aniversario.


Rosalía de Castro (1837-1885) está nas pantallas de millóns de ordenadores a través do buscador Google que esta terza feira dedica o seu “doodle” á escritora galega no 178 aniversario do seu nacemento. A aparición de Rosalía na capa do buscador supón unha inmensa promoción a través da rede da autora de Follas Novas. Con anterioridade, Google xa dedicara o seu codiciado “doodle” á escritora Concepción Arenal no 195 aniversario do seu nacemento. Daquela a imaxe da visitadora de cárceres, escritora, pensadora e avogada aparecía canda a célebre frase “Abride escolas e pecharanse cárceres”. 

Desta volta, ás 00 horas, como é habitual que muden a portada en Google, foi pendurada a imaxe de Rosalía no inicio do día no que se fai 178 anos do seu nacemento. O poema "Adiós ríos, adiós fontes" foi o escollido de fondo nunha imaxe no que o logotipo de Google apareceu cun escudo de Galiza no primeiro O, detrás da imaxe de Rosalía. Desta volta, foi iniciativa propia dedicarlle o doodle á escritora galega aínda que se puxeron en contacto e pediron colaboración á Fundación Rosalía. 

Os “doodles” son os cambios do logotipo de Google que aparecen maiormente en determinadas conmemoracións, festividades e efemérides diversas. Centos de propostas recíbense diariamente a través do correo [email protected] mais só unhas poucas pasan ao gabinete dos enxeñeiros e deseñadores dedicados con exclusividade ao deseño dos populares doodles. 



x