APÓS O ÉXITO DO WOMEX

Goretti Sanmartín aposta na creación dunha feira da música galega

Goretti Sanmartín aposta na creación dunha feira da música galega
[Imaxe: Womex] Un dos concertos do Womex
[Imaxe: Womex] Un dos concertos do Womex  

A creación dunha feira de música galega que convoque as persoas implicadas na distribución e contratación en festas e eventos culturais. Esta é a proposta que fai Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, após o éxito do Womex.


No acto de balanzo final do Womex, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, defendeu a creación dunha feira da música galega que convoque as persoas implicadas na distribución e contratación en festas e eventos culturais. Así, lanzou o reto de crear “unha feira que poña en valor e difunda a música galega diante de programadores, persoas que traballan en festivais, comisión de festas, eventos culturais… en fin, todas aquelas que teñen responsabilidades para contratar”.

Sanmartín: "É preciso visibilizar a música galega tamén no propio país"

A nacionalista, que convidou a participar a Xunta e o Concello, explicou que a proposta responde “a unha demanda existente, xa que é preciso visibilizar a música galega tamén no propio país e iso podería ser un reto de cara ao futuro”. Amosou a dispoñibilidade da Deputación para apoiar unha iniciativa con este obxectivo.

Proxección da música galega

Sanmartín aproveitou a ocasión para salientar a "altísima calidade” das tres propostas galegas que formaron parte do programa da feira das músicas. “Os concertos de Radio Cos, na sección oficial, e de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre e Narf xunto con Tumbila Muzimba foron espectaculares e supuxeron a mellor carta de presentación para a nosa cultura e, en especial, para a nosa música", apuntou. A nacionalista expresou o desexo de que “este entusiasmo e esta calidade espléndida se vexa reflectida nunha maior proxección dunha música galega, que precisa novos espazos e plataformas de proxección".

Marta Lois fixo fincapé na colaboración entre as tres institucións implicadas –Deputación da Coruña, Concello de Santiago e a Xunta de Galiza- e a iniciativa privada”

Pola súa parte, a concelleira compostelá de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, amosouse “moi satisfeita co éxito desta edición, que vén a mellorar moitos dos xa espectaculares dados que houbo en 2014”. Destacou “a calidade de todos os concertos, tanto os artistas galegos que nos representaron no Womex como os case 300 músicos e músicas que encheron a nosa cidade do mellor da cultura de cada país”. A edila fixo fincapé na colaboración entre as tres institucións implicadas –Deputación da Coruña, Concello de Santiago e a Xunta de Galiza- e a iniciativa privada, “que deu como resultado o que puidemos ver entre o 19 e o 23 de outubro, coa cidade chea de música e de xente”.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, puxo en valor os resultados de Womex 2016, que cualificou de "éxito rotundo e salientou o beneficio cualitativo que supuxo para a difusión da nosa música. "Penso que conseguimos "galeguizar" ao máximo un evento tan global como este pasado Womex", engadiu.

Tamén enxalzou as cifras da feira das músicas Vítor Belho, socio de Nordesía Produccións e organizador local.

As cifras

Os dados oficiais desta edición destacan a participación de 2.400 profesionais de 95 países representando a 1410 empresas. Isto inclúe 1030 promotores de eventos; 620 discográficas, editoras e distribuidoras; 620 institucións; 827 axentes de ‘booking’, 730 managers e 357 produtores.

A cidade acolleu 60 concertos con 289 músicos de 43 países en sete escenarios, ademais da quinta edición do WOMEX DJ Summit. Ademais, dentro do Gaiás interviron 83 relatores e mentores de 32 países en 25 conferencias; 19 xuntanzas xuntanzas de networking e 8 mentorings dirixidos por expertos internacionais. E once filmes.