BELÉN BERMEJO, COORDINADORA DO FESTIVAL ESPAZOS SONOROS

“Gozamos dun público fiel, variado e para nada elitista”

“Gozamos dun público fiel, variado e para nada elitista”
Belén Bermejo.
Belén Bermejo.  
Belén Bermejo é unha licenciada en Dereito de 48 anos que fixo a súa tese doutoral sobre protección do patrimonio e dedicouse despois á xestión cultural no campo da música. Desde hai doce anos é a directora artística e coordinadora de Espazos Sonoros, un festival que sen meter ruído foise consolidando entre un público heteroxéneo, que “vai un pouco a cegas, a descubrir cousas” e que en moitos casos nin consume música clásica habitualmente.

De onde xorde a idea de combinar música “culta” e patrimonio arquitectónico?
Pois foi un encargo da Consellaría de Cultura do bipartito alá polo 2008. A idea era vencellar música e conservación do patrimonio. A partir de aí comezamos a traballar. Primeiro foi un programa musical. Despois, como reclamo, unha actividade ao redor diso. Acabamos por non seguir unha regra. Ás veces aparece unha música e buscas o espazo; outras, é ao revés, buscas a música acaída para un espazo no que che apetece programar.

Por que fóra dos espazos habituais?
Porque pensamos que son dous aspectos que se poden retroalimentar, mesmo en lugares que non hai a comodidade dos auditorios. Procuramos espazos de interese cultural, ás veces para revalorizalos ou dalos a coñecer. E alí a música e o público soan diferente. A verdade é que os auditorios case nunca teñen interese cultural ou arquitectónico…

De que maridaxe está máis satisfeita ou quedou máis sorprendida polo resultado?
Quizá foi o ano pasado, nunha pequena igrexa no Incio, San Pedro Fiz do Hospital. Sabine Lutzenberger e Baptiste Romain interpretaron pezas de Hildegard von Bigen. O dúo Pre-Sonat interpretando música medieval. As dimensións da igrexa, a acústica, mesmo o público que viña dunha camiñada pola contorna… case foi a conxunción perfecta. A música soaba moi acaída. 

Procuramos traer intérpretes que están nos circuítos europeos e que aquí raramente chegan. É música clásica e medieval, pero buscamos conexións e tendemos pontes. O tango, por exemplo. Tamén o fixemos co jazz. E funciona

Este ano empezaron na igrexa de Santa Liberata en Baiona con Cantaderas, e este sábado estarán en Santo Estevo de Chouzán… con tango?
Pois si, Susane Hofman é unha violinista alemá e Matías González un bandoneonista arxentino que fan arranxos de tango a pezas de cámara. Este sábado, Bach, por exemplo. E a igrexa é moi fermosa, é un templo sen culto porque xa non queda veciñanza. Penso que tamén conseguiremos unha boa conexión. 

Belén Bermejo. Espazos Sonoros (2)

A programación deste ano (que se pode consultar aquí) levará o festival á catedral de Tui, á capela do instituto-escola Fundación Fernando Blanco en Cee, ao pazo do Faramello…
Si. Atentas a esa data en Rois. Teremos a unha intérprete galega que está empezando a despuntar: Rosalía Gómez Lasheras. Levará un piano dela, de principios de 1805, e ofrecerá un recital para fortepiano. Moi probabelmente escoitaremos a mesma música que algunha vez se escoitou nese pazo. 

Íalle preguntar se os espazos nunca son un problema? 
Hai un elemento fundamental que é a condición acústica. Hai lugares “secos”. Buscamos dimensións axeitadas, non esas tremendas dalgún auditorio. E o público agradéceo… aínda que nos vaiamos quedando curtas de espazo. E case sempre que eliximos un espazo, non temos dificultades para que nolo cedan. Non nos pecharon nunca a porta… case nunca.

E o tipo de música…?
Procuramos traer intérpretes que están nos circuítos europeos e que aquí raramente chegan. É música clásica e medieval, pero buscamos conexións e tendemos pontes. O tango, por exemplo. Tamén o fixemos co jazz. E funciona. Aínda que os medios de comunicación non nos teñen prestado moita atención durante estes anos, si que fomos conseguindo un público que senta e escoita… isto non é música ambiente, é para escoitar. E gozamos dun público fiel, variado e para nada elitista. Hai xente entendida e xente que non consume música clásica habitualmente. Todos veñen un pouco a cegas, a descubrir cousas.