GraffitiRosalía, para levar a poeta aos muros

GraffitiRosalía, para levar a poeta aos muros
rosalia
rosalia  

GraffitiRosalía levará os versos de Rosalía aos espazos públicos. É unha das iniciativas coas que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) conmemorará o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora. 


"Querémola pola rúa,/nos barrios e nos arrabaldes,/nas aldeas e nas prazas,/nas fachadas brancas dos edificios". Centros de ensino con poemas de Rosalía nos muros. GraffitiRosalía é unha das iniciativas da AELG para conmemorar o próximo 24 de febreiro o Día de Rosalía de Castro, no aniversario do nacemento da autora de “Follas Novas”. A Asociación dirixiuse xa aos centros de ensino de toda Galiza para animalos a realizaren nas propias instalacións ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, unha acción colectiva que consistirá en pintar os muros con imaxes e versos de Rosalía. 

“Graffitear” versos de Rosalía é a encomenda canda recitados de autora e outros actos que o mundo educativo organice para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, xornada que a AELG leva anos querendo institucionalizar. Como en anteriores edicións, cos vídeos gravados nos centros, a AELG pon ao seu dispor as súas plataformas de comunicación para difundir as actividades desenvolvidas polas comunidades escolares. 

A AELG busca que o Día de Rosalía serva para celebración da nosa literatura e, por esta razón, convida un ano máis a agasallar nese día cun libro en galego e unha flor. Un número de 29 concellos ademais da Deputación da Coruña declararon o Día de Rosalía de Castro. A Asociación seguirá solicitando ás entidades municipais que contemplen a data no seu calendario e recollan a celebración nas súas programacións culturais. 

Para a convocatoria da iniciativa graffitiRosalía a AELG distribuiu o seguinte poema: 

Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.

Querémola viva,
sabémola ceiba.

Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.

Queremos que os seus versos nos invadan,
fender con eles o mutismo das paredes.
Para que a súa voz ilumine os muros.
Alta e clara como murmurio e como berro.
Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía.