MÁIS DE 40 FUNCIÓNS NA 22ª EDICIÓN DE GALICREQUES

A grande festa do monicreque

A grande festa do monicreque
Imaxe da obra 'Os golfiños e o cigante', de Fantoches Baj.
Imaxe da obra 'Os golfiños e o cigante', de Fantoches Baj.  

Vinte e seis compañías de Galiza, Arxentina, Chile, Francia ou Portugal encherán a programación da 22 edición de Galicreques, que comeza este sábado en Santiago de Compostela. Un desfile de xigantes e cabezudos pola cidade vella contra a unha do mediodía será a primeira das máis de 40 funcións da gran festa do monicreque.
 


Segundo o seu director Jorge Rey, o festival presenta dúas importantes novidades este ano. Por unha banda, os programadores esforzáronse en procurar obras e espectáculos dedicados á mocidade "co obxectivo de crear novos públicos". Pola outra, os bonecos mestúranse co teatro de actor, a danza ou a música en non poucas montaxes.

Haberá tres estreas absolutas: Os golfiños e o xigante, de Fantoches Baj, o domingo 15 ás 12.30 na Fundacións SGAE; Enredos de amor y odio, dos madrileños Mazzú Teatro, o sábado 21 ás 18.00 no mesmo sitio; e mais Bala Perdida, de Títeres Cachirulo sobre un texto de Manuel Rivas, o domingo 15, ás 18.00 no Teatro Principal. En total, 11 compañías galegas participan no encontro, que se prolonga deica o día 22 de outubro: Caramuxo Teatro, Larei Lará, Teatro Marionetas Trécola, A xanela do Maxín, Títeres Brincadeira, Danthea Teatro, Títeres Alakrán, Micromina, Fantoches Baj, Cachirulo e Carmen Domech.

Sete espectáculos internacionais veránse por primeira vez no Estado en Compostela. Viento, dos arxentinos El Colectivo, Un botón en mi cabeza, dos chilenos Arriba Las Humanos ou O día que a morte sambou, dos brasileiros Valéria & Habib entre eles. A compañía granadina Etcétera recibirá, nunha gala o sábado 21 de outubro, o Premio Galicreques 2017. A maiores, máis de 1.200 alumnas e alumnos de colexios e institutos pasarán por diversas funcións nacionais e internacionais. "O noso compromiso é achegar novos espectadores ao xénero escénico", salientan desde a organización.

A asociación cultural Barriga Verde organiza desde hai 22 anos o Festival Galicreques. Nesta edición, a colaboración insitucional procede do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, Agadic, o Ministerio de Cultura e a Fundación SGAE. O Teatro Principal, o centro sociocultural de Santa Marta, a Fundación SGAE ou a biblioteca Ánxel Casal son os escenarios que acollerán as actividades do Galicreques.