CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Green Book, mestura da estraña parella e toques de Frank Capra

Green Book, mestura da estraña parella e toques de Frank Capra
O fotograma cartaz do filme
O fotograma cartaz do filme  

GREEN BOOK

(EUA 2018, 130 min.)

Dirección: Peter Farrelly

Guión: Brian Currie, Peter Ferrelly e Nick Vallelonga

Fotografía: Sean Porter

Música: Kris Bowers

Elenco: Viggo Mortensen, Mahershala Ali, Linda Cardellini, Sebastian Maniscalco, Dimiter D. Marinov, Mike Hatton, Don DiPetta, Ricky Muse, David Kallaway

 

SINOPSE

Anos 60. Tony Lip, un rudo italoamericano, perde o traballo que tiña de porteiro nun club nocturno do Bronx. Con poucas alternativas para levar salario á familia, acepta unha oferta de chófer de Don Shirley, un virtuoso pianista negro que estará de xira dous meses ao longo do sur dos Estados Unidos. A pesar dos seus caracteres antagónicos a viaxe cambiará as súas vidas para sempre.

 

CRÍTICA

“The Negro Traverlers Gren Book”, ou simplemente “Green Book” era unha guía de viaxe, editada nos EUA, que detallaba os hoteis, restaurantes, bares e outros establecementos onde os negros eran benvidos. Unha sorte de guía “negro-friendly” que estivo vixente desde os anos 40 até finais dos 60 e que pretendía evitar “dificultades e situacións embarazosas”. Este “Libro Verde” serve de fío condutor para contar a verdadeira historia de Tony Lip e Don Shirley, dous homes completamente antagónicos que acabaron sendo grandes amigos.

Tony Lip é branco. Italo-americano para máis detalle. Vive no Bronx. É un tipo basto, bonachón, amigábel, algo racista e ao que non se lle caen os aneis en traballar no que faga falla para sacar adiante a súa familia. Don Shirley é un virtuoso pianista negro. Un xenio. Doutorado en Música, moi educado, recto e un tanto snob. Auga e aceite. As súas vidas conflúen cando Tony perde o traballo e Don ofrécelle un de chófer para unha xira de concertos que ten planificados polo sur do país. Neste traxecto vivirán unha auténtica lección de vida que forxará uns lazos de amizade inquebrantábeis.

Nada menos que cinco nomeacións aos Óscar nas categorías de Mellor Película, Mellor Actor (Viggo Mortensen), Mellor Actor de Reparto (Mahershala Ali), Mellor Guión Orixinal e Mellor Montaxe. Con todo é probábel que leve só a estatuíña de Mellor Actor de Reparto. Sería o segundo Óscar de Mahershala Ali (tras Moonlight fai dous anos) que sumaría ao Globo de Ouro e ao BAFTA que xa ten por esta fina interpretación dun pianista negro amaneirado na que desaparece o actor e nos cremos por completo a personaxe.

Mortensen, que tamén está excelente, ou mellor dito, “fermoso”, pois engordou case vinte quilos, dubido que sexa quen de gañar na categoría que compite, máis que nada pola tremenda competencia que ten este ano e, ademais, porque xa hai outro actor que tamén se puxo gordiño para o papel: Christian Bale para dar vida a Dick Cheney en O vicio do poder. A cousa case seguro andará entre Willem Dafoe, que se pon na pel de Van Gogh en Ás portas da eternidade ou Rami Malik que resucita Freddy Mercury en Bohemian Rhapsody... Porén tampouco hai que descartar que llo acaben dando a Mortensen para compensar os que non lle deron por Promesas do Este (no 2008) ou Capitán Fantástico (no 2017). Non é a primeira vez que na Academia de Hollywood fan cousa semellante. O que si non vai pasar, nin por asomo, é que gañe Bradley Cooper por A Star is Born...

Green Book supón a primeira longametraxe en solitario do, outrora deostado, Peter Farrelly. De feito todo apunta que o seu irmán Bobby era a rémora que non deixaba espallar o talento do bo de Peter. Non é que Peter Farrelly faga agora grandes alardes como director, pero nótase que hai talento máis aló das paridas mostradas até a data xunto seu irmán. Como “os irmáns Farrelly” fixeran carreira como directores de comedia (a maioría sen graza) da que só se salva Algo pasa con Mary. Agora Peter voa en solitario e redímese por completo con esta amábel comedia humanista, con recendo a clásico, que se podería definir como A estraña parella nunha volta de parafuso de Paseando a Miss Daisy e cun ton ao modo Frank Capra (Que belo é vivir!).