O DÍA 30 ÁS 13 HORAS

Guadi Galego presentará o número cero de Nós Diario no Culturgal

Guadi Galego presentará o número cero de Nós Diario no Culturgal
A artista Guadi Galego (Cedida)
A artista Guadi Galego (Cedida)  
O próximo sábado, día 30, ás 13 horas, o Culturgal acolle en Pontevedra a presentación do número cero de Nós Diario. Farao nun acto que contará coa presenza dunha das músicas máis recoñecidas da Galiza, Guadi Galego, que vén de obter o premio á promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español e que está a presentar o seu último traballo discográfico Immersión.

 


Guadi Galego, unha das artistas galegas con maior proxección, acompañará a presentación do número cero de Nós Diario, que decorrerá no Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra) próximo sábado, 30 de novembro, ás 13 horas. A música de Cedeira, que vén de ser recoñecida co premio á promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español, vén de publicar Immersión, un disco que a leva a xirar por toda Galiza.

No acto de presentación do número cero de Nós Diario tamén tomarán parte o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, Xoán Costa, e a directora, María Obelleiro, que ademais darán a coñecer o suplemento Sermos Galiza que acompañará os sábados a edición do diario en papel. Desta maneira, as persoas que asistan á presentación -aberta a todo o público- poderán levar de balde tanto o exemplar número cero do diario en papel como do suplemento, un total de 64 páxinas a cor.

O diario en papel comezará a saír á rúa de terzas feiras a sábados (día en que o acompañará o suplemento de fin de semana) a partir do 2 de xaneiro. E será entón cando se estree o diario dixital, que se actualizará os 365 días do ano. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes facelo, a partir de 20 euros ao mes.

Nós Diario no Culturgal

Nós Diario terá caseta propia no Culturgal que decorrerá do 29 de novembro ao 1 de decembro. No espazo impulsado por Sermos Galiza, as persoas que se acheguen poderán levar exemplares do número cero, coñecer as características do diario en papel e do suplemento e formular as dúbidas e suxestións ao redor do novo medio de comunicación.

Tamén será posíbel facerse subscritora ou subscritor. Nós Diario pode ser o mellor agasallo do Apalpador para as persoas de pensamento aberto, actual e implicadas, que non ven reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social e que queren un medio galego, é dicir, aquel que coloca a lingua propia como único idioma de comunicación e Galiza como miradoiro.