O SEU NOVO DISCO SAIRÁ Á VENDA EN OUTUBRO

Guadi Galego revisa o seu cancioneiro en 'Immersion'

Guadi Galego revisa o seu cancioneiro en 'Immersion'
Guadi Galego. Foto: cedida.
Guadi Galego. Foto: cedida.  

Once versións do seu propio cancioneiro e un inédito conforman Immersion, o novo disco de Guadi Galego, á venda en outubro. O primeiro adianto do traballo aparecerá o vindeiro 31 de maio e consiste nunha regravación da emblemática Cedeira, acompañada de Iván Ferreiro.


“É unha revisión musical e lingüística das miñas tres últimas obras”, expón Galego (Cedeira, 1974) a Sermos Galiza, “porque pasei un intre de catarse e quixen volver atrás. Creo que lle sucede a moitos artistas, o que pasa é que tamén dá moita preguiza”. Lúas de outubro e agosto (2014), O mundo está parado (2016) e Bóla de cristal (2018), tratados pop con querenzas folk, son as fontes de Immersion, que publicará Boa.

A relectura é musical e é lingüística. As cancións pasan a sete idiomas, todos falados na Península Ibérica: catalán, euskera, occitano, aranés, asturiano, portugués, castelán e galego. “Pensei nos meus fillos e fillas. Quería que escoitasen esas linguas, algunhas moi minorizadas”, di. E os arranxos mudan, incorporan unha morea de colaboracións e danlles outra vida ás pezas.

Fundamentalmente intimista, é a produción a que unifica o son. “É un disco para a escoita, para que a xente abra a mente e os ouvidos”, sinala, “ao cabo, trátase dun disco arriscado. As persoas teñen un imaxinario sobre como eran estas cancións, e a revisión que fago é bastante heavy. Pero se te moven por dentro, xa está”. “Outro xeito de ollalos, unha visión íntima de cada un”, escribiu recentemente nas redes sociais.

Despois de Cedeira, Guadi Galego publicará outro avance de Immersion, Fronteiras. Cantará en catalán coa pianista jazz Clara Peya e a cantante Judit Neddermann.