ENTREVISTA A OLGA NOVO

“Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

“Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”
Olga Novo
Olga Novo  

A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.


2É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.

Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.

O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.

Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia.

Feliz Idade vai enderezado na carta prólogo á súa filla Lúa. Funciona a poesía como comunicación co que está por vir?

Lúa ten seis anos e o libro nace coa súa concepción. Ademais, desde a miña óptica romántica da creación, ou hiperromántica, pasada por toda a elaboración surrealista, teño unha consideración moi visionaria do propio feito poético. Toda creación leva canda si un tipo de coñecemento e ás veces un coñecemento intuitivo. Vai máis aló do estritamente racional. Pero no libro, e dunha maneira máis apegada ao racional, tamén hai unha visión de futuro. A Carta limiar vai encamiñada a unha nena pequena e, ao tempo, fala moito do futuro. Porque é un libro que conecta o pasado co futuro a través dun presente purísimo. Toda esa reflexión sobre a temporalidade, para desfacela ou para integrala, a existencia como un todo, está moi presente no libro.

Rosalía de Castro viña afirmar nas Dúas palabras d'a autora de Follas Novas que escribía para un pobo que aínda non existía.

En Feliz Idade escríbese para un pobo que en parte xa non existe. Se en Cráter (Toxosoutos, 2011) escribín para un pobo que está en proceso case de extinción, neste é directamente a desaparición o que sae. Hai poemas en que se canta unha veciñanza que xa non está fisicamente. Outra cousa é que permaneza na memoria e polo tanto siga aí.

É, daquela, a poesía testemuño da historia aínda que a autora non o formule así?

Si, claro. Aínda que cando me poño a escribir nunca o fago desde un proxecto. Nunca sei o que vai aparecer ou acontecer. Mais cando sae, léoo e reléoo, tamén percibo esa idea non tanto da historia senón da intrahistoria. É unha presenza permanente, recorrente. A vida está ancorada nunha serie de intrahistorias. No libro aparece a familiar, a comunal. Se a propia existencia está ancorada nesa microhistoria, nesa historia local, é evidente que o individuo que aparece na escrita vai estar rodeado dese mundo.

Na Carta limiar hai unha frase que é unha autopoética: “A poesía non a hai se non se fai, e non se pode facer se non a hai”. Como se dixese “a poesía é un acto”.

Efectivamente. Creo que é un acto e considero que a poesía precede ao propio poema. A poesía é unha actitude ante a vida, un acto de delicadeza, sobre todo un acto de amor e unha ollada sobre o mundo, unha ollada sensíbel. Entón, considero que hai persoas que realizan actos de poesía no seu día a día aínda que despois non escriban un só poema. E hai persoas que escriben poemas e logo practican pouco a poesía. Desde ese punto de vista, a poesía non se pode facer, non se pode escribir, se previamente non a levamos dentro.

Falaba das dúas creacións, a concepción da filla e a escrita poética. Pero en Feliz Idade tamén está a morte, exposta case de xeito descarnado. Mesmo así, é un libro vitalista.

A existencia, se a concibimos dun xeito integral, está conformada por un ciclo que é a vida e por outro que é a morte. Polo tanto, se aceptamos a existencia como tal, dunha maneira vitalista, ten que aceptarse que a morte se integra igual que a vida na propia existencia. Desde esa aceptación, as referencias á morte fanse dunha maneira moito máis serena. Esas referencias á morte no libro son á morte do meu pai. Cando morre unha persoa morre unha materia individual. Pero a materia non é só o individuo. Esta materia individual ten unha continuidade xenética desa persoa noutras, que é o que eu canto tamén no resto do libro. Hai un poema, Seixo, dedicado ao meu irmán, que fala da reconstrución pedra por pedra da intrahistoria dunha aldea. É un canto á continuidade do labor do pai no fillo. E despois na neta. Hai ademais esa idea de que o amor salva ante a morte.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 343 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]