Helena Miguélez: “O estereotipo da Galiza sentimental nace para impedir a liberación nacional”

Helena Miguélez: “O estereotipo da Galiza sentimental nace para impedir a liberación nacional”
Helena Miguélez
Helena Miguélez  

En Galicia, a Sentimental Nation: Gender, Culture, Politics, (University of Waler Press), Helena Miguélez traza o itinerario da construción dun dos estereotipos centrais da identidade galega, a que conceptualiza un país sentimental con sinais propios, como a saudade, o lirismo e a dozura. 


Profesora na Universidade de Gales, para Helena Miguélez o estereotipo responde ás relacións de poder con España e naceu coa funcionalidade de someter e aplacar calquera intento de liberación nacional. 

-Como nacen os estereotipos da identidade galega creados arredor do sentimentalismo, morriña, saudade ou lirismo? 

Responden a relacións de poder, en contraposición coa historicidade que falaba das orixes celtas, dun pobo guerreiro e bravo. Xérase a idea de que a galega era unha terra lírica, poética, feminina, producida desde o contexto español. O nacionalismo cultural apropiouse do sentimentalismo que se atopa en moitos textos españois sobre Galiza. O concepto de saudade de Ramón Piñeiro toma parte deste estereotipo. 

"A idea do sentimentalismo é claramente desmobilizadora e correspóndese, poño por caso, co concepto de autoidentificación, que logo acuñou Manuel Fraga".

-Está vencellado a un interese político de sometemento?

A idea do sentimentalismo é claramente desmobilizadora e correspóndese, poño por caso, co concepto de autoidentificación, que logo acuñou Manuel Fraga. Conceptualízase un país de morriña, do galego que volve á terriña, que non molesta. Responde a razóns políticas, tanto do centralismo español coma dos propios teóricos do país, que non querían que existise vontade de liberación. 

-Trátase, para o seu ver, dun discurso desmobilizador, que mesmo lle veu ben a certo galeguismo?

A xénese nace da dialéctica de poder entre Galiza e España. En Olladas no futuro, de Ramón Piñeiro, hai artigos nos que non ten problema en perpetuar a imaxe dos galegos que aparecía en textos españolistas. Aí está o individualismo, a incapacidade de conciencia e organización colectiva, o sentimentalismo, que, se me apuras, tamén aparecen nalgúns escritos de Otero Pedrayo ou de Murguía. Os froitos que deu o discurso do lirismo, do sentimentalismo ou da Rosalía máis aliñada con esa idea non foi o da mobilización política nacional.

 "O concepto dunha Galiza sentimental non lle sentaba nada ben á primeira xeración de nacionalistas".

-Rosalía é, nese sentido,un trasunto do país?

Morreu cando se estaba a forxar o estereotipo e foi considerada a personificación da alma, da forza lírica, do sometemento. É clave para entendermos o proceso. 

-O nacionalismo, na súa xénese, respondeu ao estereotipo?

Nos comezos dos anos vinte, o concepto dunha Galiza sentimental non lle sentaba nada ben á primeira xeración de nacionalistas. Hai textos de Villar Ponte en A Nosa Terra que veñen dicir  “deixade de escribir poemas, deixade a imaxe choromiqueira”.  Algúns textos dese nacionalismo inicial están inzados de retórica para contrarrestar o lirismo. 

- A dialéctica dáse entón entre liberación-razón, sometemento-emoción?

A retórica énchese de adxectivos femininos cando se quere desvalorizar ou desmobilizar. En canto se aliña un pobo co sentimento, estase afastando da razón. Poesía, sentimento, lirismo da muller fronte á razón, ciencia, política do home. Mentres se puña a Galiza na primeira banda, non se entraba no ámbito da liberación nacional. Un dos textos que atopei, que fai un recoñecemento en termos máis claros desta circunstancia, é o prólogo que Mª Xosé Queizán escribiu para a segunda edición de A orella no buraco. Alí afirmaba que cumpría deixarse de sentimentalismo, porque era a imaxe dos colonizados. 

"Carvalho constrúe a hipermasculinidade en autores como Pondal, no que louva a súa promiscuidade, como un depredador sexual. Todos esas características que en Pondal enxalza toman outro valor en Rosalía".

-Como llle afectou isto á crítica das escritoras contemporáneas?

Durante moito tempo, cando se trataba a escrita das mulleres, entendíase desde o sentimental e o persoal. Non atopei unha crítica feminista aberta aínda que si un libro que me pareceu moi certeiro, que foi o poemario Pornografía, de Lupe Gómez. Trátase dun dos textos nos que mellor se entende a necesidade de saír desa trama; de feito, no prólogo sinala que os seus poemas son fríos, xornalísticos e antisentimentais. Fuxiu do diagrama da literatura feminina como escrita de emocións. 

-Percorre ás historias literarias, desde González Besada a Carvalho Calero, a quen interpreta desde a perspectiva de xénero. 

Como se deostara tanto o concepto de home sentimental, Carvalho constrúe a hipermasculinidade en autores como Pondal, no que louva a súa promiscuidade, como un depredador sexual. Todos esas características que en Pondal enxalza toman outro valor en Rosalía. Cústalle enfrontarse a unha muller con corpo, non sublimada; só é quen de se achegar desde un punto de vista patriarcal. 

-O estereotipo da Galiza sentimental triunfou na contemporaneidade?

Aínda está presente en titulares como o de “Galiza chora” sobre a traxedia de Angrois, no discurso neorrexionalista do PP, nunha campaña coma a de Turismo Gárdasme o segredo?, ou nos anuncios publicitarios de Gadis. Foi exitoso, porque prendeu; situounos na resistencia, nunha constante necesidade de tentar desmontar, desconstruír ou neutralizar o que de nós din fóra. Sen podermos construír