O himno interpretado por cegos, por Xoán Costa

O himno interpretado por cegos, por Xoán Costa
Executores do himno galego na aula de música da Escola de Xordomudos e Cegos. Da esquerda para a dereita: Antonio Hermida, Francisco Méndez e Luís Agoti (profesor) Todos son cegos. Ano 1910. Foto: Vida Gallega
Executores do himno galego na aula de música da Escola de Xordomudos e Cegos. Da esquerda para a dereita: Antonio Hermida, Francisco Méndez e Luís Agoti (profesor) Todos son cegos. Ano 1910. Foto: Vida Gallega  

Na historia do himno galego hai datas ben coñecidas. Sabemos que en mil e novecentos e sete, un vinte de decembro, tiña lugar no Gran Teatro da Habana a primeira interpretación pública con letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga. Tamén sabemos que o dezanove de novembro de mil e novecentos e dezaoito se realiza a primeira gravación desa partitura a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo (Cantigas e Aturuxos era unha formación en que máis da metade dos seus membros eran mulleres, algo nada frecuente nese momento) que o grava despois de o interpretar na sesión de clausura da Asemblea Nazonalista de Lugo. No disco en que figura o Himno Galego aparecen tamén O bico, do compositor lucense Xoán Montes, e dous cantos populares, a Foliada de Lemos e o Alalá de Monforte.

O que se cadra non é tan coñecido é a interpretación levada a cabo na Escola de Xordomudos e cegos de Santiago en novembro de mil e novecentos e dez. Foi testemuña Vida Gallega, que leva a noticia ás súas páxinas, ao tempo que lamenta que aquela música e aquela letra, tan populares en Cuba, sexan apenas coñecidas na Galiza e, sobre todo, pouco interpretadas.

Se cadra podiamos trasladar a hoxe aquela lamentación!