FEIRA FRANCA O 6 E 7 DE SETEMBRO

O século XV encárnase en Pontevedra

O século XV encárnase en Pontevedra
Imaxe da Feira Franca de 2016. Foto: Concello de Pontevedra.
Imaxe da Feira Franca de 2016. Foto: Concello de Pontevedra.  
Trátase dunha das festas máis singulares do verán galego. Na Feira Franca de Pontevedra a historia colle corpo, encárnase, e milleiros de persoas reviven aquel ano de 1467 en que o rei Henrique IV de Castela outorgou á cidade o privilexio de instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración 15 días antes e 15 días despois de San Bartolomeu, 24 de agosto. Esta fin de semana, 6 e 7 de setembro, celebra a súa vixésima edición.

Se algo diferencia a Feira Franca doutras feiras chamadas medievais que nos últimos anos inzan vilas galegas é a procura de certo rigor epocal. Ambientada na Baixa Idade Media, a de Pontevedra, que organiza o concello e cuxo epicentro é a Praza da Ferrería, vixía o espazos e ambientación. Os postos deben ser de madeira ou cubertos de tecidos rústicos, e sen elementos anacrónicos. A louza, de madeira ou barro. O plástico está terminantemente prohibido.

cartaz feira francaAdemais, a organización insta ás persoas participantes a “vestir traxes adecuados á época histórica da festa”. Que é a segunda metade do século XV, xusto cando estalaba a segunda Guerra Irmandiña (1466-1469) e a Irmandade Xeral do Reino de Galiza controlaba o territorio após derrubar máis de 130 fortalezas. A música tamén contribúe a esta viaxe no tempo e, de feito, os impulsores da festa dispoñibilizan unha lista de reprodución ao caso: DOA, Ensemble Galatia, Trío Sefardí, Béla Bartók, Coro Ultreia ou interpretacións diversas de Martin Codax.

A Feira Franca ten o núcleo na Ferraría, onde se lembran oficios tradicionais, pero esténdese por todo o casco vello. Na praza de Santa María instálanse os artesáns, nesta ocasión 37. E na Alameda e a praza de Curros Enríquez, os espazos dedicados á alimentación, 33 desta volta. Nesta fin de semana haberá 400 mesas de xantar, 250 de particulares e 150 de hostalaría. As visitantes, segundo datos da organización, excederán as 100.000 persoas.
 
“A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes”, indican os impulsores, a Concellaría de Festas, “unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade, unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palillleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros”. En 2013 a Xunta declarouna Festa de Interese Turístico.

Embarcacións tradicionais
A verosemellanza que persegue o evento, e que é talvez a característica principal da proposta, tamén incumbe as recreacións de actividades de raíz histórica: o transporte de viño, o torneo medieval, os espectáculos de cetraría, a esgrima, o tiro con arco ou exhibicións de música e danza. A partir do ano 2006, a Feira Franca ten ademais leit motiv: os Irmandiños en 2006, as cantigas de amor, escarnio e maldicer en 2009 ou os bestiarios medievais en 2017. En 2019 será a propia Feira Franca e recuperáranse actvidades realizadas ao longo das vinte edicións.

Este ano haberá con todo unha novidade importante: unha vintena de embarcacións tradicionais sucarán o río Lérez a tracarán entre Ponte da Correntes e a Ponte do Burgo. “Colaboramos coa Federación Culturmar por ser a entidade que, a nivel galego, promove e promociona a cultura marítimo-fluvial de Galiza”, sinalou esta cuarta feira a concelleira de Festas Carme da Silva, e polo seu importante traballo de recuperación de embarcacións tradicionais”.

“Cando a noite se vaia alongando ata durar case tanto coma o día, cando as flores do viño vello compartan mantel cos acios da nova colleita; cando creas que o verán se está indo a acubillar no manto do outono; cando semelle que a festa esmorece e a luz de Sirius se recolle, garda folgos porque está preto o punto culminante da época estival: a Feira Franca de Pontevedra!”, chama á participación a páxina web da festa.

Nota: cartaz da vixésima edición da Feira Franca de Pontevedra.