A MÍTICA 'MAREAS VIVAS' FAI 20 ANOS

Historias de Portozás

Historias de Portozás

Poucos produtos televisivos acadaron na Galiza o éxito de Mareas vivas. Audiencias desbocadas, personaxes convertidos en fenómeno de fans, actrices cuxa carreira despegou en Portozás. A serie, ideada por Antón Reixa, estreouse hai agora 20 anos. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza.


Foi un fenómeno viral. Pero viral como era o viral naquela época. Os camioneiros levaban os VHS da serie cara a Alemaña, cara a Holanda, porque nos centros galegos, entre os emigrantes, había fame de Mareas vivas”. A anécdota relátaa a Sermos Galiza Carlos Blanco, na pantalla o avogado Ladislao Couto, hipocondríaco, e un do coro de actores e actrices cuxa carreira despegou popularmente a partir de Portozás. E serve de exemplo do carácter de fenómeno, sen precedentes e sen tampouco moitos sucesores na TVG, que adquiriu aquela historia dunha vila calquera na Costa da Morte.

Antón Reixa discorrera a idea orixinal en 1998. Apoiábase na produtora de La Voz de Galicia. As súas primeiras conversas coa televisión pública foron curiosas. El concibía unha serie de gran formato ao xeito das que triunfaban no Estado (Farmacia de garda, Xornalistas...), con capítulos dunha hora ou máis, e moitos exteriores, ambientada na Costa da Morte. Na Galega pareceulles ben mais, de entrada, quixeron que a protagonizase Gayoso. “Vían nel unha especie de Emilio Aragón”, lembra Reixa divertido, “pero finalmente convencémolos”.

Daquela produtor executivo de contidos, constituíu un equipo de guionistas para desenvolver o proxecto. Nel figuraban Miguel Murado, Rosa Castro, “nalgún intre” Xurxo Souto, Cándido Pazó ou os membros de Zopilote. Como espellos en que se mirar, dúas obras completamente diferentes entre si. A primeira, Doutor en Alaska, a referencia máis obvia. “Era, como Mareas vivas, o que se coñece como ‘un peixe fóra da auga’, un personaxe trasladado á marxe do seu ambiente”, explica Reixa a este semanario. Neste caso, o xuíz Andrés Domínguez (Luís Tosar). A outra inspiración era “máis estraña”: Crónicas de un pueblo, de Antonio Mercero. “Era unha serie moi facha. Cada capítulo dedicábase a un artigo do Fuero de los españoles. Pero interesábanos a estrutura, a súa coralidade”, sinala.

Personaxes

E importárona a Portozás, a vila imaxinaria da serie, en realidade filmada en Laxe. O percebeiro furtivo Currás (Miguel de Lira), o vello e filosófico mariñeiro Melgacho (Manuel Lourenzo), a aflixida viúva María Ares (Isabel Blanco), o propietario de bar e ex traballador das plataformas Petróleo (Luis Zahera) e a súa dona Belinda Romero (Camila Bossa). A nómina de personaxes de Mareas vivas fai parte da educación sentimental de milleiros de galegos e galegas. Porque eran milleiros [vid. despece]. E da profesional dun elenco amplo e poderoso, poboado do futuro da profesión na Galiza.

“A min cambioume a vida”, afirma, sen dubidar, Carlos Blanco. Cando Reixa o chamou, traballaba na Radio Galega nun programa canda Ana Romaní. “Botaba de menos traballar como actor. Mareas fíxoo posíbel e deunos a coñecer, a min e a tantos actores. O cásting era moi bo”, lembra desde Vilalba, onde o pasado 10 de maio estreaba a obra de Javier Veiga Unha noite na praia. Tanto os deu a coñecer que se desatou un auténtico fenómeno fan. “Estabamos en Laxe rodando, e Miguel [De Lira] mais eu chegabamos xuntos en coche traballar. E dous autobuses escolares, cheos de cativos, rodeáronnos abraiados. Ou o recordo da cara da muller que cobraba na peaxe da autoestrada, ás sete da mañá”, ri, “eu dicíalle a Miguel: ‘Somos os Backstreet Boys”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]