NO ANIVERSARIO DA MORTE DE LAMAS CARVAJAL

O home que inventou o xornalismo galego

O home que inventou o xornalismo galego
Catecismo do Labrego
Catecismo do Labrego  

Son 109 os anos que pasaron desde que morreu Lamas, o inventor do xornalismo galego e o defensor da dignidade labrega. 
 


O catro de setembro de 1906 morre Lamas Carvajal, un dos primeiros promotores da prensa en galego. Nacera en Ourense en 1849 e os medios de comunicación foron elemento principal na difusión da súa literatura. E tamén das polémicas políticas e literarias en que  participou ao longo da súa vida. 
A aparición de O Tío Marcos da Portela converteuse nun dos feitos de maior relevancia na historia das letras galegas por se tratar da primeira publicación redixida desde Galiza integramente no noso idioma

Antes de que en 1876 aparecese O Tio Marcos a presenza do galego nos xornais era pouco menos que anecdótica, e correspondía a colaboracións literarias -na súa maior parte poéticas- a seccións de carácter satírico -para reflectir as opinións do pobo máis humilde- ou mesmo a pasatempos de ton máis folclórico. O semanario (nos primeiros meses quincenario) editado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, é o primeiro periódico monolingüe en galego. De marcado carácter literario, esta publicación acadou un grande éxito en todo o país e chegou a tirar catro mil exemplares. Nas súas páxinas incluíanse seccións de opinión e de actualidade.

Este catro de setembro fanse 109 anos da morte de Lamas e 126 da aparición do Tio Marcos. Casualmente o aniversario deste defensor dos labregos coincide con eles en pé de guerra, tomando Compostela con millares de tractores.Unha vez máis a nosa literatura tendo valor profético. E sendo Compostela, como é, centro de profesión relixiosa, que mellor que profesarmos na fe do Catecismo do Labrego de Lamas? Deixámolos co comezo


Decraracion da doutrina labrega 
P.- ¿Sodes labrego? 
R.- Sí, pola miña disgracia. 
P.-Ese nome de labrego, ¿de quen o recibiche? 
R.- Do sacho que me fai callos nas maus, da terra que rego co sudor da miña testa, das mouras fames que paso, do aire que brúa nas miñas faltriqueiras, da monteira que levo na chola, da coroza de palla que me libra da chuvia, das cirigolas de estopa que me cobren de medio corpo abaixo, e doutras cativeces entre as que vivo aguniando. 
P.- ¿Que quere decir labrego? 
R.- Home acabadiño de traballos, caste de besta de carga na que tanguen a rabear os que gobernan, ser a quen fan pagar cédula como as persoas pra tratalo como aos cás, que leva faltriqueira no traxe por fantesía, boca na cara por bulra, que anda de arrastro como as cobras, que fura na terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que á somellanza dos burros de arrieiro que levan o viño e beben a auga, precuran o trigo pra comer o millo, que anda langraneando por unha peseta sin poder nunca xuntala, e que ven ser considerado polos seus somenllantes como un ninguén que a todo chamar chámanlle Xan Paisano. 
P.- ¿Que entendes por home de labranza? 
R.- Unha caste de boi posto de pé, unha máquina de sacar cartiños da terra. 
P.- ¿Cál é o sinal do labrego? 
R.- A probeza. 
P.- ¿Por qué? 
R.- Porque nela vivimos e morremos. 

[...]

P.- ¿Cáles son os vosos nemigos? 
R.- Cóntanse por centos. 
P.- ¿Qué nemigos son eses? 
R.- A maiores do mundo, do demo e da carne como teñen todalas xentes, temos un fato deles: nove ministros en Madrid, o Delegado da Facenda na provincia, o Adeministrador a Subalterna no partido, o Alcalde, os concellais e o Segredario no Concello, o cacique da parroquia, o veciño de porta con porta, a miseria na casa, os pedriscos nos eidos, a fillosera nos viñedos, o recaudador metido na cabeza, os trabucos e a contribución territorial na cana dos ósos, a de consumos entalada nas gorxas, a creencia de que nos hemos millorar de sorte no esprito, as falcatrúas da curia enterradas hastra o redaño,etc., etc., etc. 
P.- ¿E o traballo ten virtude contra eles? 
...