HOMENAXE A RICARDO PORTELA

Honor ao mestre gaiteiro

Honor ao mestre gaiteiro

Aires de Pontevedra é o título do espectáculo musical creado por Oscar Ibáñez a partir do seu último traballo discográfico: Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela - 25 Aniversario Pasamento. Nel, Ibáñez recolle a tradición e singularidade musical do gaiteiro de Viascón, mestre e pioneiro da gaita contemporánea, Ricardo Portela.
 


A xira de Ibáñez chega así ás súas últimas datas. Serán concertos no Teatro Principal de Pontevedra o vindeiro 27 de xaneiro ás nove da noite e no Auditorio de Cerdedo-Cotobade o 3 de febreiro ás sete do serán. A entrada é de balde. O ciclo de tres concertos decorre co gallo do 25 aniversario do pasamento de Ricardo Portela e están promovidos pola Deputación de Pontevedra e os concellos de Pontevedra, Vigo e Cerdedo-Cotobade.

festa en Viascón

A diferenza do cedé, Óscar Ibáñez revisa nesta xira homenaxe os temas máis característicos do gaiteiro desde a súa faceta artística e dentro dunha marcada estética folk. Nesta xira homenaxe participan os músicos habituais da súa Tribo Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra, Paco Dicenta, baixo e Andrés Vilán, batería e percusión, xunto cun amplo elenco de artistas invitados entre os que figuran Anxo Pintos, Begoña Riobó, Xosé Liz, Marcos Campos, Francisco Estévez "Chuco", Wenceslao Cabezas "Polo", Álvaro Novegil, José Luis Lema, Carla Villanueva, bailadores do Fiadeiro e de Celme e a Compañía de Danza Contemporánea Jesús Quiroga, entre outros.

Portela naceu en Viascón (Cerdedo-Cotobade) en 1920 e morreu en 1992. Fillo dun músico ameazado polos falanxistas, emigrou a Venezuela nos anos cincuenta. Ao seu regreso, antes do cambio de década, traballou como celador no hospital de Montecelo ou como protésico dental. En 1968 gravou o primeiro dos seus discos, Irmáns Portela.

Nota: cuberta do disco Festa en Viascón, publicado en 1980.



x