PREMIOS DA AELG, A FEDERACIÓN DE LIBRARÍAS E A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORES

Sermos Galiza, premio ao xornalismo cultural na I Gala do Libro Galego

Sermos Galiza, premio ao xornalismo cultural na I Gala do Libro Galego
[Imaxe: Irene Pin]
[Imaxe: Irene Pin]  

A literatura galega celebrou a I Gala do Libro Galego no Teatro Principal de Compostela para lle render homenaxe á lectura na nosa lingua, coa entrega dos premios que por vez primeira convocaron a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores. Sermos Galiza recibiu o premio de Xornalismo Cultural.


Como un acto de amor ao libro galego e de reivindicación dun sector estratéxico do país, da propia Galiza e da lingua. Así transcorreu a I Gala do Libro Galego, na que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores entregaron un total de 14 premios, que consistiron nunha escultura de Francisco Pazos, para facer realidade a celebración do libro, da cultura e das letras galegas.

Na categoría de Ensaio o premio recaeu en Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas (Apiario), de varios autores e autoras, por ser "unha ferramenta necesaria para a aula" e polas "posibilidades prácticas que ofrece"; na categoría de Narrativa, obtivo o premio a novela de Manuel Rivas O último día de Terranova (Xerais) pola "complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante"; na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil, o galardón foi para O meu pesadelo favorito (Galaxia), de María Solar por ser unha "construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector; e na categoría de Libro Ilustrado, o premio recaeu en Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (Kalandraka) polo "seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegancia da ilustración".

Lendo lendas, digo versos (Xerais), de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa obtivo o premio na categoría de Iniciativa bibliográfica polo "excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita"; Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar, obtivo o premio á mellor tradución polo "importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída", en tanto que o premio de poesía recaeu en Oso, mamá, si (Xerais), de María Lado pola "unidade do poemario". Aliás, Xogando con gatos (Xerais), de Antón Cortizas, obtivo o premio na categoría de Teatro polo "dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico"; Espazo Lectura (Gondomar) acadou o premio á mellor iniciativa cultural polo "fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades" e Poé[email protected], de Fran Alonso, acadou o premio a Proxecto literario na rede pola "innovación (...) que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora".

Sermos Galiza, premiado

Sermos Galiza obtivo o premio na categoría de Xornalismo cultural. O xurado valorou "a constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario".

xoan costaXoán Costa, presidente do Consello de Administración, recolleu o premio de Sermos Galiza, do que salientou que é “un diario e un semanario de intereses galegos, intereses que son os que están detrás desta gala”. “O sector do libro non é só un valor no mundo da cultura, tamén o é na creación de riqueza e a eses sector atende con especial interese Sermos Galiza”, engadiu.

Xoán Costa: "Medramos en función do que chamamos Comunidade Sermos, formada tamén por escritores e escritoras, polos editores e editoras e polas librarías"

Xoán Costa lembrou que o diario dixital fixo catro anos en abril e que o semanario, a través do cal regresou o galego aos quiosques, fará catro anos no mes de xuño. Afirmou que Sermos Galiza “precisa medrar moito e medramos en función do que chamamos Comunidade Sermos, formada tamén por escritores e escritoras que colaboran desinteresadamente en Sermos, polos editores que co seu soporte literario axudan a que a nosa economía vaia manténdose día a día e polas librarías, que contribúen coas vendas e facendo que Sermos chegue, pouco a pouco, a máis xente.

Votacións

As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo –formado por Irene Penas, Pilar Sampedro, Gracia Santórum, Mercedes Queixas, Pilar Rodríguez, Ramón Nicolás e Ana María Guerra- que fallaron estes galardóns sen dotación económica.

Pere Gimferrer, a Libraría Pedreira e Laiovento, premiados pola AELG, a Federación de Librarías e AGE

O premio ao Escritor Galego Universal foi concedido pola directiva da AELG a Pere Gimferrer. Aliás o premio Honorífico á libraría  foi concedido pola directiva da Federación de Librarías á Libraría Pedreira e o premio Honorífico á editora foi concedido pola directiva da AGE a Laiovento.

“Recuperar” a Consellaría de Cultura

En nome dos convocantes, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, apelou á necesidade de lograr “unha industria editorial forte que reflicta a diversidade da literatura”, o recoñecemento dos escritores e escritoras e un plan de apoio á rede de librarías que visibilice o libro galego, sen esquecer os mediadores do ciclo de vida dos libros.

Os convocantes reivindicaron o "necesario peso orzamentario" e a implicación da Xunta

A AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores reivindicaron a “recuperación da Consellaría de Cultura”, co “necesario peso orzamentario e “a implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico para o libro galego”. Tamén solicitaron a creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega na Galiza e no exterior e plans anuais de lectura. Aliás, instaron a crear axudas específicas de grandes proxectos editoriais e obras de interese galego, así como a necesidade de que os medios públicos galegos difundan en horario de máxima audiencia a literatura do país.

_MG_3251Na mesma liña, Cesáreo Sánchez salientou que o obxectivo da galega pasa pola “necesaria visibilidade social que precisa o sistema literario, un dos sectores máis importantes de Galiza, así como “a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma de se reivindicar fronte ao efémero”. Tamén tivo palabras para Manuel María e as Irmandades da Fala. “Queremos ser legatarias desta herdanza”, subliñou o presidente da AELG, que finalizou a súa intervención cunha lembranza a escritores, xornalistas e libreiros falecidos recentemente.

Na gala, conducida por Camilo Franco, quen reivindicou a lectura como “o máis importante acto cultural da especie humana”, contou coa actuación de Áureas, un proxecto de música e teatro formado por artistas que interpretaron personaxes de ficción nun espectáculo-concerto internacional ambientado nos anos vinte.

 

[Imaxes da información: Irene Pin. Na primeira imaxe, as persoas premiadas; na segunda, Xoán Costa e na terceira, actuación de Áureas]



x