UN CONVENIO CO CONCELLO DE CANGAS FACILITA A PRODUCIÓN DA OBRA

Ignacio Vilar anuncia un filme sobre María Solinha

Ignacio Vilar anuncia un filme sobre María Solinha
Ignacio Vilar na Rapa das Bestas. Foto: cedida.
Ignacio Vilar na Rapa das Bestas. Foto: cedida.  

Ignacio Vilar, que percorreu salas de todo o país e parte do estranxeiro cos seus dous últimos filmes, volverá ás cámaras para rodar unha ficción sobre María Solinha. Anunciarano esta quinta feira en Cangas do Morrazo, onde a produtora Vía Láctea Films e o concello da localidade asinarán un convenio de colaboración “para o desenvolvemento e produción da longametraxe”.
 


María Solinha viviu en Cangas entre os séculos XVI e XVII. Condenada pola Inquisición baixo a acusación de practicar a bruxaría, a sentenza consistiu en despoxala dos seus bens e do chamado “dereito de presentación” en dúas igrexas do lugar. Este dereito, que recibira tras a morte do seu home Pedro Barba, dáballe unha porcentaxe do gaño dos templos e poder para decidir quen mandaría nos mesmos.

Solinha converteuse nun mito, nun símbolo do pobo, e protagonizou cancións e poemas. A actriz Andrea Santos interpretaraa no novo filme de Ignacio Vilar. Despois do éxito de público da súa versión de A Esmorga (2014) e de Sicixia (2016), Vilar continúa a súa procura dun cinema narrativo e popular co proxecto María Solinha.