O CINEASTA REINTEPRETA ESTA FIGURA HISTÓRICA NO SEU NOVO PROXECTO

Ignacio Vilar: “No meu próximo filme imos retratar unha muller libre, unha Maria Solinha 2.0”

Ignacio Vilar: “No meu próximo filme imos retratar unha muller libre, unha Maria Solinha 2.0”
O cineasta Ignacio Vilar asina o convenio de produción de 'María Solinha co alcalde de Cangas do Morrazo Xosé Manuel Pazos. Foto: cedida.
O cineasta Ignacio Vilar asina o convenio de produción de 'María Solinha co alcalde de Cangas do Morrazo Xosé Manuel Pazos. Foto: cedida.  

O Concello de Cangas ven de asinar un convenio co director Ignacio Vilar para participar como “capital semente” no próximo filme do cineasta, Maria Solinha, que será rodado principalmente no municipio. “En todas as nosas películas comezamos coa procura de financiamento, e estamos moi agradecidos ao Concello de Cangas, que é un lugar onde o teatro está moi vivo, por poñer a primeira pedra”, explica Vilar.
 


Unha das localizacións estrelas do proxecto será o Cabo Home, lugar icónico para o director. “A min gústame moito este punto da península do Morrazo, desde onde podes ver a inmensidade do Atlántico, as Cíes, a ría...”, relata o creador, quen reside en Vigo desde hai dezasete anos e recoñece que a visión de Cangas desde a cidade é unha “paisaxe cotiá da miña vida diaria que me motiva a contar unha historia nesta contorna tan impresionante”.

De Cangas de Morrazo tamén sae a actriz protagonista do filme, Andrea Santos, unha rapariga de 19 anos estudante na ESAD (Escola Superior de Arte Dramático) de Vigo. “Coñecina a través de Ermel Morales, profesor no mesmo centro e que é tamén o meu asesor de intérpretes, e falando con ela foi como saíu o nome de Maria Solinha, unha muller tamén de Cangas do século XVII que optou por ser libre e acabou por ser queimada pola Inquisición”, narra Vilar.

Andrea Santos, actriz

Foi a partires dese punto cando a historia do filme comezou a ser desenvolvida. “Xurdiu a idea de facer un filme sobre unha Maria Solinha actual, unha muller do século XXI, Elba, que soña con ser actriz, e enfronta moitos problemas impostos pola sociedade, a familia, os amigos… que non lle deixan ser libre”, indica o director.

O argumento colle fundamento na obsesión da protagonista, encarnada por Andrea Santos, por dominar un método interpretativo baseado na premisa da Grecia clásica de coñecerse a un mesmo, semente do teatro clásico do estilo de Sófocles ou Eurípides. “Este método introspectivo foi estudado por Ermel Morales na súa tese doutoral, e consiste na adquisición de chaves científicas para que a persoa intérprete sexa quen de poñer distancia e fixar as súas reaccións naturais –bágoas, xestos, expresións...– ante conflitos reais seus para logo poder dotar a personaxe daqueles elementos persoais e intransferíbeis, de xeito que o espectador poida detectar o verdadeiro que existe dentro dunha ficción”, aclara.

Ignacio Vilar leva xa un ano a traballar no proxecto, realizando unha grande labor de desenvolvemento deste método coa actriz principal, de quen xa fala como unha grande promesa interpretativa. “Andrea (Santos) está moi implicada nesta personaxe, que toma o seu nome –Elba– da muller que atoparon na escavación arqueolóxica de Pedrafita, que ten máis de nove mil trescentos anos e cuxo nome significa ‘a que ven da montaña’”, incide.

Esta reflexión que o autor propón sobre o rito iniciático á idade adulta e a loita pola propia identidade poderá verse nas salas de cinemas na primavera do ano 2019. A producción, que é unha colaboración entre Vía Láctea Filmes e Vigópolis, ten programado comezar a rodaxe o cuarto trimestre de 2018, após finalice a procura de financiamento e o traballo cos intérpretes, parte vital do proxecto.

Foto: a actriz Andrea Santos, protagonista de María Solinha.