PEPE BARRO, DESEÑADOR GRÁFICO

“A imaxe sempre foi desbotada como algo de interese dentro do discurso histórico ou cultural”

“A imaxe sempre foi desbotada como algo de interese dentro do discurso histórico ou cultural”
[Imaxe: Xoán Piñón] Pepe Barro
[Imaxe: Xoán Piñón] Pepe Barro  

Entrevistamos Pepe Barro (Pontedeume, 1955) cando vén de publicar o libro Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, baseado nos artigos que quincenalmente escribe para o semanario Sermos Galiza. Unha obra imprescindíbel para coñecer os códigos da comunicación visual e o desenvolvemento da arte gráfica no país. Eis un extracto da conversa, publicada no número 317 do papel.


5Sinala no libro que cando coñece a Seoane, vostede dille: “A arte morreu, o que cómpre agora é o deseño”. Como queda Seoane?

Eu era un rapaz novo, de vinte anos, moi botado para adiante. El nin se inmutou porque estaba afeito a este tipo de boutades e díxome: mais se quere facerlle un agasallo a unha moza, pinta un cadro. É moi discutíbel todo e a arte foi condenada á morte moitas veces e aí segue. Eu naquel momento, polo meu interese político e na creación, tiña claro que debía encamiñarme ao deseño porque era o que me procuraba un contacto co público e era unha maneira de dialogar coa sociedade e coa cultura diferente á que ten a arte, moito máis limitada.

Precisamente, afirma no libro que a diferenza dos artistas plásticos, os deseñadores necesitan facerse entender con cada traballo. Mais tamén hai un suplemento poético, non é?

Se non nos facemos entender con cada traballo, non cumpriríamos coa encomenda que nos fai un cliente. Ao mesmo tempo, queres contar esa encomenda como ti sabes e como ti queres. Aí xúntanse o discurso do cliente e o teu. Non podes actuar como un artista que ten a posibilidade de insistir cun discurso até que, a través de mediadores, que poden ser os críticos, chega a entenderse. O deseño gráfico ten que cumprir e ter unha calidade, unha chispa, para que enganche o ollo e o intelecto das persoas destinatarias.

Por que arte gráfica se considera unha arte menor?

Desde sempre intentamos dicir que eramos como artistas, mais hoxe a tendencia vai máis a dicir que a arte é unha cousa, o cine outra, a arquitectura outra e o deseño outra. Ha de ser considerada como un traballo creativo, intelectual, non un oficio, senón unha profesión. A maior ou menor consideración… virá de se somos quen de comunicar que o noso traballo é importante. Dalgunha maneira, unha das funcións deste libro, modestamente, é esta, intentar comunicar que hai fitos que teñen importancia e non se lles dá.

Ligado con isto, advirte no libro de que vivimos nunha cultura logocéntrica na que a palabra é signo e símbolo do país e na que a imaxe carece de interese intelectual para a minoría culta.

Lembro a cabeceira de A Nosa Terra primeira, cando a fan as Irmandades, a ilustración na que unha labrega está cunha fouce a piques de tronzar unha corda pola que tiran dun lado e doutro un grupo simétrico de xente, vestidos de burgueses ou de aristócratas. Falando con algúns historiadores eles non repararan na lectura desa imaxe, tiñan a idea de que os galegos tiraban dun lado e os españois doutro. Realmente, guíanse só polo escrito. Hai documentos que son gráficos e que hai que saber ler e esta xente coa que eu falara non reparara na imaxe e non a tiña decodificada.

A imaxe é moi aberta e iso dificulta a súa análise e se faltan claves do contexto histórico e cultural, é máis difícil entendela. Por iso a imaxe sempre foi desbotada como algo de interese dentro do discurso histórico ou cultural. Nin sequera esa minoría culta é quen de ollar as imaxes doutro xeito. Cos artigos intento ver onde está a construción das imaxes.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]