XERAIS PUBLICA 'UNHA NACIÓN NO MUNDO', O SEU NOVO ENSAIO

O incesante optimismo de Camilo Nogueira

O incesante optimismo de Camilo Nogueira
Camilo Nogueira, nunha imaxe de 2016.
Camilo Nogueira, nunha imaxe de 2016.  Foto: X.M.

Máis de 700 páxinas ocupa Camilo Nogueira (Vigo, 1936) en argumentar o seu incensante optimismo a respecto de Galiza. Unha nación no mundo. A razón resistente titúlase o seu novo ensaio, unha pescuda nas raíces do presente que comeza en 1480.
 


“O texto de Unha nación no mundo abrangue o acontecido no país entre 1480 e 2010”, afirma a nota da editorial Xerais remitida aos medios de comunicación. Nogueira, dirixente chave do nacionalismo galego e autor de obras como Para unha crítica do españolismo (2012), inicia o seu traballo na “Galiza do absolutismo”, epígrafe da primeira perte da obra.

“Malia ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, Galiza mantivo os seus recursos vitais e a personalidade diferenciada”, sostén o comunicado editorial, “á altura de 1800 contaba coa capacidade precisa para participar nas Revolución Industrial. Era o país máis populosos da Península. Mais, no tempo contemporáneo, o Estado español negou a identidade histórica e cultural do país”.

Unha nación no mundo

O razoamento de Camilo Nogueira debruza polo miúdo esta situación e menciona a eliminación da Xunta do Reino, a forzada emigración ou a marxinación das actividades económicas. Aí comeza o segundo bloque de Unha nación no mundo, A nación política contemporánea. Mais Galiza amosou “a fortaleza dunha sociedade asaltada” e sobreviviu mesmo á ditadura franquista.

“Cando caeu o franquismo e participou na Unión Europea, a sociedade galega respirou”, aduce, apoiado noutra das liñas de forza do seu pensamento político: a defensa da construción comunitaria europea. Nese interregno, o ex deputado no Europarlamento polo BNG identifica un dos máis graves problemas nacionais, o demográfico.

Non obstante, Camilo Nogueira entende que a “economía desenvolvida e particularmente exportadora” da Galiza actual permite “asumir o autogoberno como nación, como nación no mundo, pola historia, polo vigor económico e social e pola extensión universal da propia lingua”.



x