O libro de João I de Portugal achado en Lugo e a ética nas 'descubertas' de inéditos

O libro de João I de Portugal achado en Lugo e a ética nas 'descubertas' de inéditos
Dom-João-I
Dom-João-I  

'O livro da montaría', unha das obras portuguesas máis notábeis do S. XV, foi atopado recentemente no Arquivo Histórico Provincial. Mais a responsabilidade do achado ten nomes e apelidos diferentes aos das arquiveiras citadas polos comunicados oficiais. E ten a orixe nunha apaixonada investigación sobre os órganos históricos de Galiza.


A finais de febreiro a nova aparecía en non poucos medios de comunicación, que se facían eco dun comunicado da asociación galega de arquiveiros: Achan no Arquivo Histórico de Lugo fragmentos do 'Livro da montaria' de João I de Portugal, que se daba por desaparecido. María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial (AHPL) de Lugo, eran citadas nese comunicado como responsábeis do achádego e afirmando mesmo que o estado de conservación dos pregos atopados é ''moi bo en xeral''.Lembraban que ''é unha das obras portuguesas máis notables do século XV''.

 "Fíxenlles saber (xa en 2011) ás arquiveiras que naquel documento poñía que alí había música e non era de música, senón un tratado de monteiría”

Unha das persoas que ao ler a nova deu un chimpo, como el mesmo recoñece, é Andrés Díaz. Profesor, investigador, integrante do grupo de música medieval Martín Codax e do Grupo 1500... O motivo da sorpresa, explica, é que ese achádego non pode ser atribuído ás arquiveiras. A súa compañeira de investigacións no universo dos órganos, organistas e organeiros en Galiza, Belén Bermejo, explícao con claridade: “Atribúense un mérito que non lles corresponde”.

Protocolos de notarios

Andrés Díaz enceta o relato dos feitos, que comezan hai tres anos, a principios de 2011: “ Fun ao Arquivo de Lugo na procura de contratos dos órganos nos protocolos dos notarios. E buscando neses notarios de Monforte... atopei a José Benito López de Guitián. As gardas dos seus protocolos estaban en letras góticas e era moi bonito. E observei que tiña a palabra monteiría, polo que puxen iso nas miñas anotacións entre interrogantes”. Ese documento ao que se refire é o 'Livro de Montaría' de Joao I de Portugal.

"Non fai falla ir a un código de boas prácticas e deontolóxico dos arquiveiros...antes da sacar a noticia, fala coa persoa que o descubriu”

Este profesor afirma que xa entón “fíxenlles saber ás arquiveiras que naquel documento poñía que alí había música e non era de música, senón un tratado de monteiría”.

Reparar no que non se reparara

Andrés móstrase humilde. Reitera que o protocolo no que atopou iso está “ordenado e catalogado, pasou por mans dos arquiveiros, que non repararon niso. Non é que eu atopase algo que non estivese catalogado. Isto xa pasara polas súas mans. Alguén xa viu esas gardas e que estaba en letras góticas...”. Mais ninguén ata que chegou el en 2011 reparara en que non era un documento de música 'calquera'.

Mais a historia segue. O 21 de febreiro de 2014, tres anos despois, o propio Díaz pediu ao Arquivo “a dixitalización deses protocolos de Monforte. Preguntáronme se os quería para publicar ou non, pois a taxa é diferente. Paguei 18 euros polo conxunto do CD e todas as imaxes”. E poucos días despois, “atopo nos medios que se descubre un tratado de monteiría inédito. Foi unha sorepresa, e algo desagradábel”.

El mantén que a súa idea “era simplemente mirar ese documento, e intentar identificar o que era e despois levarllo a alguén que verdadeiramente saiba”.

Ética profesional e humana

Para Belén Bermejo, o que aconteceu mostra unha “falta de ética. Un sabe o que ten que facer nestes casos. Non fai falla ir a un código de boas prácticas e deontolóxico dos arquiveiros...antes da sacar a noticia, fala coa persoa que o descubriu”. “Atribúense un mérito que non lles corresponde”, sentencia

E tanto ela como Díaz poñen exemplos de colaboración entre investigadores, de partillar descubrimentos, de profesionais que agradecen os apontamentos e achegas feitas... Mais tamén falan da outra cara da moeda. “Xa nos pasaron varias cousas así”, din, en referencia ao caso das arquiveiras.

De Pascual Veiga a Monforte e Valdeflores

Lembran, cunha mirada de paciencia e ironía, casos que lles pasaron ao longo destes anos. “No ano Pascual Veiga fomos á Real Academia Galega onde hai un fondo Pascual Veiga. Alí vimos unhas partituras que pensamos descoñecidas, algunha en galego. Ía transcribilas con lapis e papel, que era o que levaba enriba nese momento, mais dixéronme que non fixera iso, que non facía falla, que eles mo mandaban dixitalizado”. E esperaron ese envío. E, como din, “esperamos, esperamos, esperamos... e nunca chegou. Preguntamos, e dicíannos xa no 2007 que había un investigador que ía sacar unha edición desas partituras... pero até hoxe, nada”. Ou sexa, unha porta pechada a coñecer máis sobre a obra (pode que até inédita) de Veiga.

E enumeran máis casos. O dun convento de Monforte con antiguas partituras de música en cifra para órgano (pode que algunhas das cales podían ser de gran importancia). A responsábel do 'arquivo' pasou dunha colaboración inicial a, segundo intuía o que se atopara, a pechar a vía a todo estudo e colaboración. 

No mosteiro de Valdeflores, en Viveiro, pasoulles un caso similar cun arcón con música e cartas dunha monxa con músicos como José Pacheco

Ou tamen o do Mosteiro de Valdeflores, en Viveiro. Alí, no ano 2008 durante as visitas previas á catalogación dos órganos, a monxa organista lles informou da existencia dun “arcón” con música, cartas dunha monxa con músicos, entre eles José Pacheco mestre de capela de Mondoñedo e pode que música orixinal. Comentaron este feito cunha profesora e pianista galega, ofrecéndolle que colaborase na investigación deste fondo e, cando decidiron ir a investigalo atoparon que, sen avisarlles, xa fóra pola súa conta a pianista sen lles dicer nada.

Os órganos

Andrés e Belén, xunto con Marisol Mendive, comezaron en 2008 un ambicioso proxecto de catalogación dos órganos existentes en Galiza. Un universo rico e complexo que era (e é) absolutamente descoñecido. “A primeira parte do proxecto financiouse co bipartito, mais despois cos cambios de goberno... parouse. Quedou a medio catalogar”.

“Era un proceso ambicioso, complexo, que tiña un proceso de arquivo, con parte histórica, valoración do estado dos órganos, definición de criterios de intervención...

Mais nós continuamos pola nosa conta, descubrindo órganos e facendo o traballo de arquivo pois estaba todo por facer”. E froito dese traballo de arquivo.... atopouse un inédito da literatura portuguesa do século XV.