'OS SECUESTRADORES DE BURROS', EN GALEGO

O infinito amor de Gerald Durrel polo reino animal

O infinito amor de Gerald Durrel polo reino animal
O escritor Gerald Durrell en Askania Nova (Ucrania), en 1985. Foto: Wikipedia.
O escritor Gerald Durrell en Askania Nova (Ucrania), en 1985. Foto: Wikipedia.  
O escritor inglés Gerald Durrell (1925-1995) viviu desde cativo entre animais. A tenra e divertida triloxía de Corfú, que comeza con A miña familia e outros animais (1956), certifícao: estas memorias de infancia na illa grega do mar Xónico están decisivamente atravesadas pola súa relación cos animais. A súa obra de ficción tamén e así o amosa a noveliña Os secuestradores de burros, agora en versión galega do tradutor Moisés Barcia.

Os secuestradores de burrosEsta ficción, publicada por Sushi Books -selo pertencente a Rinoceronte Editora-, relata a dependencia respecto dos burros dunha pequena aldea insular de Grecia. “Esta entretida historia conta como Amanda e David conspiran para burlarse do desagradábel alcalde local e axudar ao seu amigo Yani, que está a piques de perder a casa e as terras”, di a nota editorial, “se os burros desaparecen, paralízase toda a aldea”.

A obra é orixinal de 1968 e supón o quinto título de Durrell publicado por Sushi. Ademais de A miña familia e outros animais en tradución de Susana Collazo, apareceron os outros dous títulos da célebre triloxía, Bechos e demais parentes (orixinal de 1969) e O xardín dos deuses (orixinal de 1978), e O paquete falante (1974), as tres da man de Moisés Barcia.

Gerald Durrell, o irmán máis novo do igualmente escritor Lawrence Durrell, foi autor de simpáticos textos autobiográficos, relatos dirixidos ao lectorado miúdo e ensaios sobre o mundo animal. Ademais foi un coñecido divulgador, e creador dun zoolóxico na illa de Jersey, no Canal da Mancha.