SAE Á VENDA 'O ÚLTIMO BARCO', TERCEIRA NOVELA DE DOMINGO VILLAR

O inspector Leo Caldas regresa á ría de Vigo

O inspector Leo Caldas regresa á ría de Vigo
Imaxe de Tirán, en Moaña, un dos escenarios da novela 'O último barco', de Domingo Villar. Foto: cedida.
Imaxe de Tirán, en Moaña, un dos escenarios da novela 'O último barco', de Domingo Villar. Foto: cedida.  

O inspector Leo Caldas e o seu axudante aragonés Rafael Estévez cruzan a ría. A de Vigo. Porque en Tirán (Moaña) reside Mónica Andrade, profesora de cerámica que faltou a unha comida familiar e á que o seu pai busca con certa reserva. Eis a apertura de O último barco, a terceira novela de Domingo Villar que sae á venda este 6 de marzo, cuarta feira.
 


“Aínda que nada parecese alterado na casa de Mónica Andrade nin na súa vida, Leo Caldas axiña comprobará o que agochan as aparencias”, indica a nota de Galaxia, a editorial que publica o libro, igual que antes publicou Ollos de auga (2006) e A praia dos afogados (2009). O xénero policíaco, ao cabo, trata ás veces do que acontece por baixo da superficie. Do que as relacións sociais, humanas, supoñen máis alá do que declaran.

Domingo Villar Anxo Cabada

En case 800 páxinas Villar recupera as peripecias de Caldas e o sempre desconcertado ante a psicoloxía colectiva galega Estévez. O último barco é tamén unha obra en que os escenarios -desta volta, a banda norte da ría de Vigo- adquiren inusual protagonismo. A literatura de Villar, por intres arrimada ao noir, cartografa Vigo e arredores. A costa e a cidade, o rural e o urbano e eses espazos intermedios que alí abundan.

“Leo Caldas descubrirá que na vida, coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de correntes devastadores”, insiste a nota editorial. O último barco presentarase esta quinta feira, 7 de marzo, na Escola de Artes e Oficios de Vigo, ás 19.30: xustamente ese centro de estudos ten un relevante papel na trama da novela.

O 12 de marzo na Coruña, o 13 en Ferrol, o 14 en Compostela e o 4 de abril en Pontevedra darán continuidade á xira de presentación dunha das obras máis agardadas da literatura galega recente.

Os dous anteriores títulos de Villar coñeceron un éxito con poucos precedentes. Traducidos a numerosas linguas -inglés, alemán, sueco ou francés-, o cineasta español Gerardo Herrero converteu en filme A praia dos afogados.

Nota: Domingo Villar, nunha foto de Anxo Cabada.