O inverno chegou ao Marco de Vigo

O inverno chegou ao Marco de Vigo
(Imaxe: Marco Vigo)
(Imaxe: Marco Vigo)  

O futuro do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) está no aire logo da saída do seu director, Iñaki Martínez Antelo, tras doce anos ao fronte do centro cultural máis visitado da cidade. Martínez xa anunciara o pasado ano que non renovaría o seu contrato como máximo responsable do museo, para o que consideraba necesaria unha renovación. Porén, as continuas desavinzas co goberno municipal sinálanse como o principal motivo de fondo para a marcha do director. 


Para os defensores da actual liña do museo, agrupados na asociación de Amigos do Marco, o Concello pretende destinar o espazo a usos que non se axustan os estatutos da entidade cultural. Neles, afírmase o compromiso coa “realización de actividades culturais de investigación,  educación, formación, conservación, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporánea, con particular atención á produción artística da Comunidade Galega, así como a estatal e internacional”.

Principios que están lonxe das propostas que, segundo fontes internas, teñen realizado desde instancias municipais, entre as que se inclúen unha exposición de réplicas de guerreiros de terracota, un desfile de moda ou a colección permanente de azulexos do diario Faro de Vigo. As negativas da actual dirección terían tensado máis a relación, onde como apuntaba o propio Martínez Antelo, pasaran  "demasiado tempo traballando cuns presupostos no límite do razoable". 

Desde setembro, a campaña SOS Marco recolleu 6.000 sinaturas a favor de manter a “esencia” do centro de arte contemporánea para que continúe sendo un museo e non se converta nun “multiusos, sen liña de actuación nin proxecto”. Por ese motivo, solicitan que se elixa a nova dirección mediante concurso público para asegurar que o proxecto continúa de forma “libre e profesional”. Martínez Antelo, no anuncio de que non renovaría no cargo en decembro de 2016, consideraba que a transición debía pasar por un comité de expertos, como recolle o Manual de Boas Prácticas da rede de museos estatais. 

Máis as palabras do alcalde de Vigo, Abel Caballero, dan a entender que o relevo vai por outra liña.  “Está moi ben previsto, de acordo os intereses de Vigo e non da Xunta”, apuntou o rexedor, que anunciou que o padroado da Fundación Marco xa foi convocado. Un órgano –no que teñen representación os entes autonómico e local xunto o Ministerio de Cultura- onde tamén as desavinzas son evidentes. 

O pasado xuño, a dirección acordou incrementar o peso do goberno municipal con oito membros elixidos polo alcalde. Segundo explicaba Caballero, se o Concello achegaba o 76% dos orzamentos do museo tamén lle correspondía máis cota de decisión. Un cambio de estatutos que a Xunta tombou agora, desde o Protectorado de Fundacións, por incumprir o mínimo de votos legais que son necesarios para esa modificación. O Ministerio de Cultura non comparecera. 

O alcalde vigués tamén anticipara que o museo debía funcionar dunha forma distinta, “máis popular”. Así, tras o anuncio de Martínez Antelo, considerou que este renunciara porque sabía que non o renovarían na dirección, malia que non se reunira o padroado para valoralo. De forma pública, a tensión entre ambas partes quedara patente nunha rolda de prensa para anunciar a programación do Marco en 2015, onde Caballero impediu que Martínez Antelo respondera por dúas veces a preguntas dos xornalistas sobre se apoiaba as declaracións do rexedor.

Tantas visitas como o resto de museos xuntos  

O Marco continúa como museo de referencia en Vigo, cun número de visitantes moi por riba dos outros sete centros municipais activos. No primeiro semestre do ano tivo case 40.000 visitas, un número similar o acumulado polo resto de museos da cidade. 


Menos da metade de orzamento nunha década

Dun orzamento de  1,6 millóns de euros en 2008, o Marco pasou aos 740.000 euros no ano 2015, tres ou catro veces inferior o que manexan entidades culturais de similar tamaño e características. 

En Marea reclama máis partidas  

Desde En Marea, a deputada Alexandra Fernández reclamou no Congreso un incremento de 100.000 euros na partida orzamentaria para o museo, que foi rexeitada polo Partido Popular, formación que en Vigo di defender a liña actual do centro cultural. Fernández chamou a todas as institucións que fan parte do padroado a frear o seu desmantelamento.

BNG: “O Concello carece dunha política cultural”

Desde o BNG-Vigo, a incerteza actual cren que “demostra que o Concello carece dunha política cultural” e consideran “preocupantes” as declaracións de Caballero que insinúan un posible cambio de filosofía do Marco. “Pode botar por terra un traballo de máis dunha década que converteu o Marco nun referente da arte contemporánea”, aseguran, ao tempo que esixen redrobar a aposta por revitalizar a rede de museos da cidade.