7 DE OUTUBRO NA CORUÑA

De Iraq a Marín na apertura do novo ciclo Poetas Di(n)versos

De Iraq a Marín na apertura do novo ciclo Poetas Di(n)versos
As poetas Lara Dopazo e Manal Al-Sheikh. Fotos: Poetas Di(n)versos.
As poetas Lara Dopazo e Manal Al-Sheikh. Fotos: Poetas Di(n)versos.  
Manal Al-Sheikh naceu en Nínive. Pero a segunda Guerra do Golfo enviouna ao exilio en Noruega. Desde a distancia continuou a construír unha das obras máis prestixiosas da poesía iraquí contemporánea. Este 7 de outubro recitará na Coruña canda a galega Lara Dopazo (Marín, 1985), potente voz da poesía galega última.

Será a primeira xornada do décimo segundo ciclo Poetas Di(n)versos, que comisaria Yolanda Castaño para a Concellaría de Cultura da Coruña. Seguirá o lugar e o horario habitual: o Auditorio do Centro Ágora ás oito e media do serán.

Al-Sheikh é ademais xornalista de profesión para prensa árabe e internacional. Entre os seus libros, escritos en árabe, atópanse títulos como Os libros do illamento (2008), Cun punto vermello debaixo do seu ollo (2009) ou Cartas imposíbeis (2010). “As súas dúas obras narrativas e os seus catro poemarios axiña proxectaron o seu impacto internacional”, sinala a organización. Para o Di(n)versos, o poeta Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) preparou versións en galego de Al-Sheikh.

Con Claus e o alacrán (2018, Premio Fiz Vergara Vilariño), Lara Dopazo confirmou a singularidade da súa escrita, con ángulos narrativos e surreais, socialmente consciente e por veces simbolista. Antes Dende Illa Peixe (2008) e Ovella (2015). “Concitando xa un enorme interese e atención na poesía galega moza, o pasado curso converteuse na primeira autora en galego con bolsa como residente na Academia de España en Roma”, salienta a organización.