DA MAN DE CHÉVERE

Iria Pinheiro presenta unha peza teatral sobre a violencia obstétrica

Iria Pinheiro presenta unha peza teatral sobre a violencia obstétrica
Detalle do cartaz de 'Anatomía dunha serea'. Imaxe: Chévere.
Detalle do cartaz de 'Anatomía dunha serea'. Imaxe: Chévere.  

O teatro documento tamén abranxe a primeira persoa do singular. Así o entende a actriz Iria Pinheiro, quen presenta esta quinta feira, 18 de outubro, a súa peza teatral Anatomía dunha serea, baseada na súa propia e traumática experiencia coa violencia obstétrica.
 


A obra, producida pola compañía Chévere dentro do proxecto Berberecheira (laboratorio de creación escénica) e dirixida por Xesús Ron, “nace da necesidade de contar unha historia íntima, de transformar un acontecemento único e ao mesmo tempo común a moitas mulleres nun acto escénico compartido”. Ese acontecemento é o nacemento dun fillo ou unha filla, “as condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, a concepción da maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico”.

Por violencia obstétrica, sinalan desde Chévere, “enténdese calquera acción que patoloxice os procesos reprodutivos naturais e biolóxicos, un trato deshumanizado por parte dos profesionais da saúde ou un abuso de medicalización. Podemos afirmar que a violencia obstétrica é unha forma de violencia de xénero”.

Anatomía dunha serea estréase este 18 de outubro no auditorio Constante Liste de Teo, onde continuarán as representacións o 19, o 25 e o 26 de outubro. O 20 fará un único pase no IES As Barxas, de Moaña.

“É un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala da violencia de xénero en lugares insospeitados”, expoñen desde Chévere. O texto foi coescrito por Pinheiro e a poeta María Lado e conforma a terceira experiencia de Berberecheira, despois da exitosa Goldi libre, de César Goldi sobre o movemento insubmiso, e Salvador, de Borja Fernández, sobre o impacto da emigración.

“En Berberecheira damos prioridade a proxectos escénicos que documenten experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos”, di a compañía.



x