O xornal irlandés “The Irish Times” louva a excelencia de “Todo é silencio” de Rivas

O xornal irlandés “The Irish Times” louva a excelencia de “Todo é silencio” de Rivas
Manuel Rivas
Manuel Rivas  

Nunha crítica publicada o pasado sábado día 21, o xornal irlandés  “The Irish Times” define a novela Todo é silencio de Manuel Rivas, traducida por Jonathan Dunne, como unha un “tour de force” das novelas publicadas “en calquera lugar, en calquera idioma”. 


Unha grande novela ambientada na Galiza mais case tamén unha novela irlandesa. Semellantes expresións emprega Eileen Battersby na crítica da novela de Manuel Rivas Todo é silencio que o pasado sábado publicou no xornal “The Irish Times”. A obra traducida, como vén sendo habitual, por Jonathan Dunne, aparece definida como “marabillosa”, un “tour de force” das obras narrativas publicadas “en calquera lugar, en calquera idioma”. 

A crítica aproveita para presentar ao escritor galego como un “defensor da lingua, a literatura e a cultura do seu país natal” que emprega as palabras como “fermosas armas” tanto desde a poesía como a narrativa ou o xornalismo. “É un artista consciente do valor da herdanza lingüística, así como do aspecto físico dun lugar, da súa xeografía”, anota na eloxiosa crítica na que tamén destaca a “relevancia dun escritor “amplamente respectado”. Destaca tamén Battersby que as anteriores novelas de Rivas O lapis do carpinteiro e Os libros arden mal son obras centrais na narrativa creada arredor do golpe militar de 1936. 

Feliz encontro

De Todo é silencio destaca a súa “audacia” nos ámbitos intelectual, político e emocional, unha condición que fai que o público lector quede “abaneando” coa novela. Horror, humor, desolación e unha realidade descarnada son algúns elementos que atopa na “emocionante” trama da obra. “Posúe un estilo, unha mirada errante e algunhas das mellores liñas da ficción contemporánea”, engade. 

A crítica recoñece tamén o feliz encontro de Rivas con Jonathan Dunne, tradutor da súa obra ao inglés, que é, segundo di, a súa “alma xemelga”. 



x