CRÍTICA DE CINEMA

'Os irmáns Sisters', de Andrés Castro

'Os irmáns Sisters', de Andrés Castro

Charlie e Eli Sisters son dous asasinos a soldo. En plena febre do ouro, o Comodoro encárgalles dar caza Hermann Kermit Warm, un científico cunha fórmula química que pode revolucionar a procura do prezado metal. Pero non son os únicos que van tras el.


O cinema francés nunca foi moi proclive no xénero western, nin falta que lle fixo... Adaptacións das bandas deseñadas de Lucky Luke e do tenente Blueberry; algún que outro spaghetti westerns en coprodución europea, como a inclasificábel Sol vermello (que mesturaba samurais con vaqueiros); ou, máis recentemente, a produción de Luc Besson Bandidas, con Salma Hayek e Penélope Cruz, son algunhas das escasas achegas do país galo.

Jacques Audiard (Un profeta, Dheepan) proba sorte no xénero adaptando a novela homónima do canadense Patrick Dewitt que narra a historia de Elie e Charlie Sisters, dous irmáns pistoleiros que se gañan a vida como asasinos a soldo en plena era da febre do ouro (1851). O seu mecenas habitual faise chamar “O Comodoro” (Rutger Hauer). O último encargo encomendado aos irmáns Sisters consiste en dar caza a un químico (Riz Ahmed) que semella ter dado cunha fórmula maxistral para atopar ouro dunha maneira eficiente e cómoda. A viaxe será longa e chea de perigos, e máis cando o vínculo fraternal camiña por unha corda bamba.

Evita tomar atallos e desprega un gusto exquisito polos detalles, as costumes e os tempos mortos daqueles tempos do salvaxe Oeste nos que, malia o que pareza, non sempre andaban a tiros. Este estilo lembra un pouco ao que Delmer Daves (A árbore do aforcado, O tren das 3:10) impregnaba aos seus westerns, nos que primaba o drama e a psicoloxía das personaxes á propia acción que se presupoñía. Iso non quere dicir que Os irmáns Sisters prescindan da violencia, haina e está moi ben rodada (atención á secuencia inicial), senón que se trata dunha violencia que non deixa de ser algo inherente aos tempos que narra, pero que non é a base da historia.

Joaquin Phoenix (Irrational Man) e John C. Reily (Stan & Ollie) dan vida á parella de irmáns. O irmá pequeno é agresivo, alcohólico e cobizoso. O maior a voz da razón, o que sempre saca as castañas do lume, pero está canso de matar e cada vez ten menos ganas de seguir no oficio. Tamén aparece en escena Jake Gyllenhaal no rol dun buscavidas que se cruza no camiño dos irmáns. Xunto coa presenza impagábel de Rutger Hauer, forman un reparto inmellorábel que debería ser suficiente para picar a curiosidade do gran público, incluso do que non guste do western...

Conta ademais con banda sonora do gran Alexandre Desplat (dous veces gañador dun Oscar por O grande hotel Budapest e A forma da auga) así como dunha brillante dirección de fotografía de Benoît Debie (Enter the Void) que, coma nos spaghetti westerns, converte o deserto de Almería no Oeste americano, pero tamén os Monegros, a serra de Urbasa e incluso unha praia da Aquitania francesa fan de decorados naturais para este periplo fraterno ao longo da Norteamérica do século XIX.

Un inesperado western crepuscular á europea, premiado no pasado Festival de Venecia co Premio á Mellor Dirección, cargado de humor, potentes interpretacións e un guión que atrapa e sorprende pola súa orixinalidade e cadencia. Con todo, probablemente pase desapercibido para moita xente que a obviará porque “non lle gustan as pelis do Oeste”... Fan mal.

Les Frères Sisters

(EUA 2018, 122 min.)

Dirección: Jacques Audiard

Guión: Jacques Audiard e Thomas Bidegain

Fotografía: Benoît Debie

Música: Alexandre Desplat

Elenco: Joaquin Phoenix, John C. Reilly, Jake Gyllenhaal, Riz Ahmed, Rutger Hauer, Rebeca Root, Carol Kane