Isabel Coixet levará ao cinema a historia de Elisa e Marcela

Isabel Coixet levará ao cinema a historia de Elisa e Marcela
Marcela e Elisa nunha foto de José Sellier o día da súa voda.
Marcela e Elisa nunha foto de José Sellier o día da súa voda.  

A historia de Elisa e Marcela é a historia dunha relación imposíbel feita posíbel. A finais do século XIX en Galiza, dúas mulleres inventaron métodos para vivir o seu amor en contra das ideas dominantes na sociedade da época. A cineasta catalá Isabel Coixet (Barcelona, 1962) anunciou que levará ao cinema a epopea desta parella.

Despois de triunfar nos premios Goya da Academia española de Cinema -o seu filme La Librería obtivo os galardóns á mellor dirección, guión e filme-, Coixet explicou que a idea de Elisa e Marcela a rolda desde hai anos. Así, a gran pantalla acollerá a aventura de dúas mulleres que casaron na Coruña o 8 de marzo de 1901. Elisa ía transformada en Mario, co pelo curto, pantalóns e fumando.

O matrimonio regresou a Dumbría, onde traballaran como mestras. Alí descóbrense o engano e foxen a Portugal. Son detidas. Xulgadas e absoltas, marchan cara a Arxentina. Os seus problemas coas autoridades e a institucións represoras non cesan até 1905. A partir deses anos, os investigadores -entre os que salienta Narciso de Gabriel- pérdenlles a pista.



x