25 ANOS DE PRATOS COMBINADOS

Isto é un escándalo, Pereira!

Isto é un escándalo, Pereira!
Imaxe tirada do fanzine que conmemora os 25 anos de 'Pratos Combinados'. Ilustración: Inés Vázquez.
Imaxe tirada do fanzine que conmemora os 25 anos de 'Pratos Combinados'. Ilustración: Inés Vázquez.  
A un ano vista de facerse o 25 aniversario da súa primeira emisión, máis de 20 artistas galegas, entre as que se inclúe o creador da serie, Xosé Cermeño, homenaxean 'Pratos Combinados' cun volume tributo tirado do prelo de xeito independente. Eis un estrato da peza publicada no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza.

Pratos Combinados é desas cousas que endexamais volverá. Forma parte dun pasado irrecuperábel, como o edificio Castromil, ou o segundo inmediatamente anterior ao investido para ler estas liñas.

Mais a memoria de Miro Pereira, Antón Santos, Balbina, a señora Carme, Paspallás, Mónica, Tuto, Pedro Barreiro e os seus fillos, o padre Nicanor, o director do Banco Moderno Universal e tantos outros está por sempre implantada de xeito indelébel no neocórtex cerebral de toda unha xeración de galegas.

Semana tras semana, aos altos xerifaltes das canles españolas saíalles a burra capada coa Champions League, Aquí No Hay Quién Viva, Los Serrano e tantos outros produtos de éxito producidos por TVE, Antena 3 ou Telecinco, que perdían a guerra das audiencias nesta nación ante unha comedia de modesto orzamento sobre un señor con bigote que tiña un bar.  

Desde Madrid eran incapaces de comprender a fenomenoloxía artellada arredor dunha produción audiovisual que deixou un monumental catálogo de retrousos que a día de hoxe seguen a repetirse a diario nas rúas e fogares galegos, unha terra na que as nais por enriba dos trinta e tantos ameazan as crianzas máis bulebules con merendar “un bocata de xamón de fotocopias”, o gracioso do 
grupo pide o café especificando que o quere “sen mondas de pataca”, e o máis bocapodre, cando se cagha, faino “no mundo”. 

mini-cultura

Xeración ‘Pratos Combinados’

A pouco máis dun ano de facerse o 25 aniversario da primeira emisión dunha serie que debutou nas pantallas da Televisión de Galicia (TVG) o 1 de decembro de 1995, sae do prelo un fanzine tributo promovido por David Calviño (@kalvinger) e Rubén Rial (@ cankente), dous membros desa mocidade que creceu diante das pantallas da Galega e á que moitas alcuman como “Xeración Xabarín”, quizais facendo de menos a un produto con similar transcendencia na cultura pop como foi Pratos Combinados.

Nas páxinas da publicación, que se pode adquirir na rede a través de cankente.bigcartel. com a un prezo de cinco euros, 23 artistas coordinadas polos propios Rial e Calviño liberan a súa creatividade para plasmar a súa peculiar visión sobre as aventuras de Miro e compañía.

Un meta‑guión dun novo episodio elaborado polo creador da serie, Xosé Cermeño; Antón Santos transmutado en Mena Suvari en American Beauty da man de Sandra Lodi; un espazo de manualidades para elaborar o xenuíno e patentado bocadillo de xamón de fotocopias do Bar Suízo ou o acedo paralelismo trazado por Euler entre Miro Pereira e Homer Simpson son só unha escolma das historias que inclúe o fanzine nas súas 54 páxinas.

DAVID CALVIÑO AFIRMA QUE ‘PRATOS COMBINADOS’ É “UN FITO XERACIONAL PARA AS GALEGAS E OS GALEGOS DOS ANOS 80 E 90”

O obxectivo, ademais da homenaxe á serie, “tamén era reunir nun mesmo volume varios autores de aquí, da Galiza”, comenta Rial para Sermos Galiza. Para logralo puxéronse en contacto con numerosas artistas da ilustración, das que a maioría responderon afirmativamente á súa proposta, máis centrada en elaborar “unha demostración de amor” sobre a temática do fanzine que en tratar de outorgar “profesionalidade” á publicación”.  

Fábrica de ‘memes’ antes do tempo dos ‘memes’ As orixes do volume parten da “nostalxia” dos seus responsábeis pola serie, como explica Calviño: “A palabra fanzine leva no seu propio 
nome o do fenómeno fan, o que implica tratar temas que nos gustan, e Pratos Combinados é un referente da nosa infancia sobre o que sabiamos que se podía facer algo bo e de calidade”. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]