24 E 25 DE XULLO

A italiana Banda Bassoti, cabeza de cartel do Festigal

A italiana Banda Bassoti, cabeza de cartel do Festigal
[Imaxe: Cedida]. O grupo italiano durante un concerto en 2008
[Imaxe: Cedida]. O grupo italiano durante un concerto en 2008  

O grupo italiano de ska Banda Bassotti é a confirmación máis relevante desta nova edición do Festigal, un evento cuxa rama musical estará marcada por unha concluencia dos ritmos tradicionais galegos con outros sons foráneos. 


Desde o ano 2002, ao abeiro das celebracións do Día da Patria Galega, o campus sur de Compostela alberga as diversas actividades musicais e culturais do Festigal, un evento que este ano cumpre a maioría de idade e cuxo cartaz se deu a coñecer esta quinta feira.

A temática deste ano é a internacionalidade. Así pois, os grupos musicais encargados de amenizar a festa durante a noite do 24 e a tarde do 25 están caracterizados por conxugar os sons tradicionais galegos con melodías doutros estilos foráneos.

O festival comezará as 22 horas coa actuación da banda "De ninghures", gañadora do concurso Novos Valores do Festigal, cuxa música supón unha transformación de ritmos maneos, iotas e muiñeiras. Tras eles será a quenda de “Brassica Rapa” e a súa reinterpretación do concepto de charanga.

O recoñecido grupo italiano Banda Bassotti, cabeza de cartel, tomará o relevo e animará a festa cos seus ritmos punks e próximos ao ska e coas súas letras contestatarias e antifascistas. Pola súa parte, o trío lugués “Arryhtmia”, que repite no festival, será o encargado de poñer fin á xornada.

Na tarde do Día da Patria, as celebracións musicais comezarán as 17 horas co tradicional café concerto. Esta segunda xeira estará amenizada pola mestura de folk rock e blues das “Pandereteiras de verducido”, o funk galego de “DudeCan” e as melodías de inspiración italiana, irlandesa e balcánicas de “Güintervan”.

A maiores desta oferta musical tamén haberá tempo para a reivindicación cultural. As casetas instauradas no campus acollerán a presentación de novidades literarias e de asociacións, así como diversas tendas de artesanía e comida e un espazo infantil para as cativas e os cativos.

Tal como explica Lucía Veciño, integrante da Fundación Galiza Sempre, este evento pretende ser “un escaparate para a cultura do país mediante a conxugación de musica, ideas, letras e o debate”.