PETICIÓN PARA DECLARAR A SÚA OBRA DE “INTERESE NACIONAL” PORTUGUÉS

José Afonso “patrimonio de inestimábel e inexcedíbel grandeza”

José Afonso “patrimonio de inestimábel e inexcedíbel grandeza”
O cantor portugués José Afonso.
O cantor portugués José Afonso.  

A Associação José Afonso vén de promover unha petición, enderezada á ministra de cultura Graça Fonseca e con copia ao presidente da Asemblea da República Eduardo Ferro Rodrigues e mais aos partidos políticos con representación na mesma, para declarar a obra de José Afonso “de interese nacional portugués”. Na altura do 19 de xuño eran case 10.000 persoas as que asinaran a iniciativa.


De “inestimábel e inexcedíbel grandeza” cualifican os promotores o traballo do Zeca (Aveiro, 1929-Setúbal, 1987), en que se integra “o máis valioso que contén a música portuguesa do século XX”. Ao tempo, lamentan que as turbulencias do mercado discográfico e a creba de Movieplay -en que se publicaron os seus álbums máis emblemáticos- provocasen que, na actualidade, 11 discos estean “indispoñíbeis para a adquisición”. “Só tres existen nas tendas”, engaden.

Mais a importancia de José Afonso vai moito máis alá das súas achegas cruciais á arte musical. Figura indiscutíbel da resistencia portuguesa á opresión e do antifascismo cultural europeo, militante revolucionario, activista do 25 de Abril, é “a máis vívida memoria do pasado portugués en ditadura e do renacemento en abril para a construción da democracia”.

A Associação José Afonso remite para argumentar a solicitude á lexilación portuguesa vixente. A lei 107/2011 di: “Integran o patrimonio cultural todos os bens que sendo testemuños con valor de civilización ou de cultura, portadores de interese cultural relevante, deban ser obxecto de especial protección e valorización”. O Estado debe ser, sinala a norma, salvagarda e, ao tempo, asegurar “a transmisión dunha herdanza nacional cuxa continuidade e enriquecemento unirá as xeracións nun percurso civilizacional”.