TRADUCIÓN DE 'VINTE MIL LEGUAS BAIXO DOS MARES'

Jules Verne regresa aos mares da Galiza

Jules Verne regresa aos mares da Galiza
Fotograma do filme 'Vinte mil leguas baixo os mares' dirixido en 1954 por Richard Fleischer. Imaxe: cedida.
Fotograma do filme 'Vinte mil leguas baixo os mares' dirixido en 1954 por Richard Fleischer. Imaxe: cedida.  
Jules Verne estivo dúas veces en Vigo. Non por coñecidas deixan de ser estas visitas fascinantes. Pero o máis fascinante é que antes de viaxar fisicamente fíxoo nunha das súas novelas, na célebre Vinte mil leguas baixo dos mares. Xerais publica agora unha tradución da obra, con limiar da escritora Ledicia Costas.

A editorial recupera a versión de Mercedes Pacheco e Llerena Perozo que Ir Indo editara en 2003. Engádelle, amais do prólogo, ilustracións de Dani Padrón. “É curioso que o Capitán Nemo chegase a Vigo na ficción literaria e anos despois o fixese o seu creador, mais sen que iso estivese nos seus plans”, escribe Costas, quen avanza posíbeis motivos desta incursión: “Estaba pendente das técnicas que se empregaban nas expedicións de busca do suposto tesouro dos galeóns afundidos en Rande en 1702”.

vinte mil leguasVinte mil leguas baixo dos mares saíu orixinalmente en 1869. Na trama é un ano antes, o 18 de febreiro de 1868, cando o Capitán Nemo navega a ría de Vigo. “Eu lin Miguel Strogoff (1875) con dez ou 11 anos”, conta a Sermos Galiza Ledicia Costas (Vigo, 1979), “non é das súas grandes novelas, pero prendeu en min. E comecei a ler Verne”. Foron caendo os grandes títulos, Viaxe ao centro da terra (1864), Da terra á lúa (1865), A illa misteriosa (1875) ou a emblemática travesía submarina de Nemo.

“A súa obra é absolutamente monumental e resultou fundamental para o meu desenvolvemento como lectora”, sinala. E de escritora. Cando Ledicia Costas descubriu que Verne (Nantes, 1828-Amiens, 1905) estivera en Vigo, decidiu embarcarse na súa propia homenaxe: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (Xerais, 2016). O autor da Volta ao mundo en 80 días estivera na cidade do sur da Galiza en 1878 e en 1884, en ambas as dúas ocasións de maneira casual e derivada de problemas de navegación.

Mais o que realmente atrae a Costas das Vinte mil leguas non ten unicamente a ver coas relacións galego francesas. “O que me entusiasmara fora o secuestro. Que vaia no Nautilus un home que non pode saír, a sensación de claustrofobia...”, expón, “e as fantásticas criaturas, o craquen, todo ese misterio”.

En galego
Esta edición non é a única obra de Verne traducida ao galego. Baía Edicións publicou Cinco semanas en globo (2005, en versión de Mari Carmen Campos) e Miguel Strogoff (2012, a cargo de Ánxela Gracián). Ademais Valentín Arias pasou ao galego Viaxe ao centro da terra (Xerais, 1985) e Da terra á lúa (Do Cumio, 1988). Tamén de Gracián é A illa misteriosa (Xerais, 2014). O castelo dos Cárpatos (Urco, 2012) saiu traducida por Ana Iglesias Otero.

“Hai un sector da literatura que responde a prexuízos e mirou Verne por riba do ombreiro”, conclúe Costas, “pero agora estase a dignificar a súa figura na Galiza e en Vigo”. De feito, mesmo detecta a súa pegada nalgún dos títulos de Tintiman de Jaureguizar ou nos traballos do xornalista Eduardo Rolland, investigador dos contactos entre o escritor francés e Vigo. “Para min foi un verdadeiro agasallo escribir este prólogo”, finaliza.