'A.K.A', de Albert Salazar, e 'Jauría', de Kamikaze, premios do público no MIT de Ribadavia

'A.K.A', de Albert Salazar, e 'Jauría', de Kamikaze, premios do público no MIT de Ribadavia
'Jauria', de Teatro Kamikaze
'Jauria', de Teatro Kamikaze  

A estrea na Galiza destes dous espectáculos non defraudou, salientan desde a Mostra Internacional do Teatro.


Empate no Premio do Público da MIT 2019. Os espectáculos A.K.A. (also known as) de Albert Salazar e Jauría, dos madrileños Kamikaze, obtiveron a maior puntuación. A estrea na Galiza destes dous espectáculos non defraudou: o excepcional nivel interpretativo de Albert Salazar en A.K.A. aumenta o palmarés deste fenómeno teatral de pequeno formato que se puido ver na Igrexa da Madalena. Aos 11 premios cos que chegou este texto que fala de cuestións de fondo social coma a islamofobia ou a crise de identidade, súmaselle este rotundo aplauso do público de Ribadavia.

Por outra banda, Kamikaze, na liña do teatro documento, encheu o Auditorio do Castelo e recibiu un gran aplauso por Jauría, espectáculo creado a partir do auto xudicial do caso de La Manada e que en Ribadavia presentou un novo final para a peza despois da sentenza xudicial recentemente coñecida.

A MIT 2019 pechou cun balance moi positivo, indican desde a organización, cunha gran afluencia de público visitante. Especialmente nesta edición, o público visitante (tantos colectivos de afeccionados ao teatro de Madrid, Euskadi ou Londres) como de público galego de cidades coma Vigo ou Santiago de Compostela e Ourense, déronlle un impulso ao festival, que medra en diversidade e convivencia.

A homenaxe a Ernesto Chao e de celebración dos 50 anos de Abrente, os espectáculos de rúa ou os coloquios posfunción dos foros da MIT, foron algunhas das actividades desenvolvidas este ano.