"Kallocaína" descobre para o galego o universo antiutópico de Karin Boye

"Kallocaína" descobre para o galego o universo antiutópico de Karin Boye

Literaria até o drama é a vida de Karin Boye, un dos nomes máis poderosos da literatura sueca que chega ao galego da man de Hugin e Munin. Kallocaína, é un alegato contra o totalitarismo e o control social en clave de ciencia ficción, escrita anos antes de que Orwell trazara o seu 1984


Setenta e cinco anos despois de ser publicada chega a nosa lingua a máis coñecida novela da escritora sueca Karin Boye. Kallocaína  é o soro inventado polo científico Leo Kall , protagonista da historia, e tamén o nome da súa novela máis coñecida que chega ao galego publicado pola editora Hugin Munin en tradución de Marta Dahlgren. Escrita oito anos antes de 1984 de Orwell e once de Farenheit 451 de Ray Bradbury, a novela da autora sueca retrata unha sociedade que reflicte o impacto que estaba a producir a opresión do nazismo. 

A antiutopía novelada

Publicada en 1940, tan só un ano antes de que a autora se suicidara cunha inxesta de somníferos, a novela insírese no xénero de ciencia ficción, cunha acción que se desenvolve nun mundo do opresión no que a cidadanía esquece a liberdade para se converter en servos. Considerada unha das obras de referencia nas antiutopías noveladas, o romance de Boye, malia a súa recoñecida altura literaria, continúa sen ter o recoñecemento do público lector doutras novelas que idearon mundos de opresión tempo despois ca ela. A kallocaína é, no romance, a droga que permite o equilibrio mundial e a seguridade do Estado, controlando a posibilidade de independencia persoal. O seu creador intenta mitigar a conciencia individual que loita por rexurdir nunha novela pesimista que anticipa as grandes antiutopías literarias alarmadas polo auxe do totalitarismo. 

A publicación en galego derradeira novela da escritora sueca coñecida tamén pola súa traxectoria poética contribúe a un maior coñecemento dunha autora de culto que naceu en Gotemburgo en 1900 e morreu con apenas 41 anos. Vinculada ao movemento socialista e pacifista Clarté,o compromiso social e político agroma na traxectoria vital dunha autora que pulou tamén na súa biografía por vivir en liberdade. O lesbianismo e a súa visión dos roles de xénero deixarán pegada na súa obra, en especial en títulos como Crise e O despertar dos méritos. Kallocaína é a súa novela máis coñecida, 



x