CRÍTICA DE CINEMA

Keepers, o misterio do Faro, por Andrés Castro

Keepers, o misterio do Faro, por Andrés Castro

Tres fareiros están encargados de custodiar o faro da illa de Flannan. Tras varios días sen incidentes descobren un corpo dun home xunto ás rochas. Xunto el hai un cofre. Segundo o protocolo deberían avisar ás autoridades pero a curiosidade é demasiado forte.


Aínda que é do máis coñecido no mundo, “o monstro do Lago Ness” non é a única lenda escocesa con criatura fantástica. De feito, como adoita pasar nos pobos celtas, Escocia gusta deste tipo de historias e por iso a tradición oral e escrita encargouse de transmitir unha morea de lendas, misterios sen resolver e demais contos para non durmir. Unha idiosincrasia moi a cabalo entre a superstición e o escepticismo máis arraigado.

Keepers, o misterio do faro tráenos o “misterio da illa de Flannan”, un suceso acontecido a finais dos século XIX, xusto uns días antes do cambio de centuria. Tres fareiros foron operar o faro dunha das illas de Flannan e nunca volveron. O curioso do asunto é que os seus corpos tampouco apareceron por ningures e non había signos de violencia. Esvaeceron. Sen máis. Rapidamente o folclore escocés encargouse de vestir a historia cun aura de misterio, atribuíndo o suceso a un ser monstruoso (un leviathan ou unha ave xigante) e incluso se falou dunha abdución ovni extraterrestre.

O tardío debut no cinema do danés Kristoffer Nyholm (asistente de dirección de Lars von Trier en Rompendo as ondas e O xefe de todo isto) prescinde de toda suposición fantástica para tratar de dar unha explicación terreal baseada nos feitos e nas probas atopadas, sobre todo as achegadas polas anotacións do diario dun dos fareiros.

Produce e encabeza o reparto Gerard Butler (300) que, xunto Peter Mullan (Amence en Edimburgo) e Connor Swindells (Sex Education), forman o trío de fareiros: un home maduro, un vello experimentado e un novato aprendiz. Tres xeracións que van pasar varias semanas xuntos nunha illa no medio do mar. A boa predisposición inicial dos tres para que todo marche ben vaise ver comprometida tras unha noite de tormenta. De súpeto aparece o corpo dun home xunto as rochas. Ao seu carón hai un cofre. O contido dese cofre fará que todo se precipite cara unha convivencia insá marcada pola cobiza, a desconfianza e os remorsos.

Lonxe de intentar sorprender ao persoal con xiros, golpes de efecto ou explicacións rebuscadas ao “misterio da illa de Flannan”, Keepers utiliza esta lenda como mcguffin para desenrolar, de maneira pormenorizada, o comportamento humano e a relación que se forma entre tres individuos moi diferentes obrigados a se enfrontar a unha situación límite. Unha aposta sobria, xélida e case teatral que se sustenta, case en exclusiva, na interpretación dos actores.

Non apta para impacientes.