40 ANOS DA PRIMEIRA FUNCIÓN PROFESIONAL

'Laudamuco', cando o teatro galego se fixo adulto

'Laudamuco', cando o teatro galego se fixo adulto
Imaxe dunha antiga representación de 'Laudamuco, señor de ningures', por Teatro Antroido.
Imaxe dunha antiga representación de 'Laudamuco, señor de ningures', por Teatro Antroido.  

O 16 de maio de 1978 o teatro galego entrou nunha dimensión descoñecida. Ese día, a función de Laudamuco, señor de ningures en La Salle (Santiago de Compostela) supuxo o inicio do camiño profesional da escena despois do franquismo. A corenta anos daquel fito histórico, a actriz e compañeira de Roberto Vidal Bolaño -autor da obra- Laura Ponte lembra aquel destemido salto adiante.
 


“Había tempo que falabamos desa posibilidade. Queriamos visibilizar o noso traballo, chegarmos a moita máis xente”, conta Ponte a Sermos Galiza, “non era tanto por cartos como por ter tempo para proxectos interesantes”. A primeira persoa de plural refírese ao grupo de teatro afeccionado Antroido, que confundou con Vidal Bolaño e que axiña mutaría en Teatro Antroido. “Antes de profesionalizarnos, xa eramos un grupo potente, traballabamos todos os días”, puntualiza.

laura ponte 2

O caso é que as circunstancias materiais condicionan as ideas. Ou algo así foi o que sucedeu en Antroido. Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) traballaba nunha sucursal bancaria. Mais a súa relación cos superiores atravesaba algunhas dificultades. “El non quería levar garavata, negábase a facer as horas extras”, relata Ponte, “chegou un intre en que reduciron persoal e, claro, tocoulle a el”. A vía cara ao teatro profesional quedaba aberta: “Decidimos que era posíbel”.

Naquel intre, entre 1977 e 1978, Antroido acababan de montar Memorias de mortos e de ausentes, “cunha escena innovadora pero que só tivo tres funcións”. Para o inicio da aventura, escolleron o Laudamuco, señor de ningures. E contrataron a Rodrigo Roel como terceiro intérprete. “O Laudamuco é un texto moi interesante”, explica Paco Macías, editor da súa obra completa en Positivas, “que escribiu contra o ano 74, e que xa se representara na Mostra de Ribadavia. Baséase no Discurso sobre a servidume voluntaria (1548) de Étienne de La Boétie”.

A representación do 16 de maio foi no colexio La Salle de Compostela. Miguel Segade programaba aquela sala, segundo Laura Ponte, a única en que se “podía ver teatro independente, o máis interesante do que se estaba facendo, Els Joglars, La Cuadra...”. A catro décadas vista, a memoria empeza a esfuracar. “Recordo moito máis o proceso que nos levou ao Laudamuco que os detalles da función”, confesa, “corenta anos xa e lancha quieta, que diría Roberto”.

laudamuco señor de ningures escalado

Con Eduardo Alonso, acabado de chegar de Madrid, como director, aquela foi a primeira dunhas noventa representacións, en Galiza e no exterior. “Nos primeiros anos como profesionais, nin sequera cotizabamos”, recorda, “e tocabamos moitos paus: monicreques, teatro de rúa...”. Antroido na rúa, Ruadas das papas e do unto ou As falcatrúas do Marqués de Patacón -unha adaptación de Euloxio Ruibal sobre un texto francés anónimo do século XV- foron algunhas das pezas que seguiron o célebre, e celbrado, Laudamuco.

A profesionalización do teatro galego, con todo, estaba no aire. O esboroamento da ditadura e a efervescencia político cultural da Galiza dos 70 ampliaba o campo de posibilidades. Así o reconstrúe Laura Ponte, qjuen menciona colegas como Antonio Simón, de Troula, ou Manuel Guede, como dramaturgos e compañías que axiña seguiron o traxecto iniciado por Teatro Antroido. “Era unha inquedanza colectiva, si”, conclúe, “nunha época en que había moitos lugares onde ir co teatro. Chegamos a moitos sitios”.

Non parece ser o caso hoxe en día, a dicir do editor Paco Macías, quen lamenta que ningunha institución se interesase por unha efeméride coma esta, a dos 40 anos da primweira función profesional do teatro galego. “Algunha xente do teatro afirma que os actores de Fariña veñen de feitos coma este”, asegura, “e tivemos que celebralo pola nosa conta en Brión. Estabamos unhas vinte persoas. Non pasa nada, está ben”.

Nota: a actriz Laura Ponte, confudadora de Teatro Antroido, e unha imaxe de Laudamuco, señor de ningures.



x