POEMAS NA INTEMPERIE NEOLIBERAL

Laura R. Cuba gaña o Victoriano Taibo de poesía con 'a situación actual'

Laura R. Cuba gaña o Victoriano Taibo de poesía con 'a situación actual'
A poeta e xornalista Laura R. Cuba. Foto: Fernando Trigo
A poeta e xornalista Laura R. Cuba. Foto: Fernando Trigo  

Algunha novísima poesía parece nacer na carencia. De certa devastación arredor. A precariedade é a súa paisaxe vital. Horizontes pechados lindan o seu territorio. a situación actual, o libro co que Laura R. Cuba (Burela, 1993) vén de gañar o premio Victoriano Taibo de poesía, así o entende: “quixera romper todo / o que xa está roto”.
 


Estruturado en catro partes, a obra recolle poemas escritos ao longo de seis anos. Concretamente nos seis últimos anos. Atravesados de experiencia, por veces agónicos e por veces gozosos, correspóndense a “diferentes etapas vitais”, segundo explica Cuba. A escritora, xornalista de profesión e colaboradora entre outros medios de Sermos Galiza, recoñece e defende ademais a pegada narrativa nalgúns dos textos.

a situación actual rexistra, ao mesmo tempo, un proceso de liberación. O que comeza desolado -“acendes as luces todas da casa / espantar os estraños, sentirte acompañada // invadir o carril contrario / a propósito”- e atravesa estepas de violencia psíquica, laboral ou familiar, desemboca na apertura de tímidas liñas de fuga. O antídoto contra a intemperie neoliberal e os seus demoños, suxire, é o amor.

Poemas que non temen enfrontar a Galiza contemporánea, abren as portas a tranformacións e os novos modos de ver o mundo. Hai citas a poetas -Olga Novo, Lupe Gómez, Lou Reed-, teleseries -Scrubs-, redes sociais. E no mundo precario en que se desenvolven non faltan, con todo, ángulos de humor amargo: “todos somos / enfermos terminais // (tecleei en google / comprobando se o verso / era orixinal)”.

Entre as poetas que máis le, Laura R. Cuba menciona Lupe Gómez, María Lado, Charo Lopes ou o vasco Joseba Sarrionandia. “Hai pouca poesía social”, afirma. a situación actual encaixa, dalgún xeito, na etiqueta. Polo menos se esta fai tamén referencia á exploración do vínculo entre o individuo e a colectividade, outro tema central da súa escrita.

Gañadora dalgún certame poético cando estudaba no insituto, a situación actual será o seu primeiro libro publicado. A edición é resultado do galardón, convocado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns e dotado ademais con 3.000 euros. O xurado formárono as escritoras Marta Dacosta, Iria Misa, Miguel Anxo Mouriño, Gonzalo Navaza e Rafa Vilar, este último gañador o pasado ano con Escoracións, e salientou "a voz intimista moi forte" e "a capacidade de poetizar o cotián con sixeleza e fondura a un tempo".



x