LIBROS PARA UN VERÁN

Lecturas ao sol

Lecturas ao sol

O lugar común di que no verán hai máis luz e hai máis tempo. Hai máis acougo. De dalo por bo, o estío convértese na época perfecta para a lectura. Eis algunhas recomendacións literarias, maiormente recentes, para os meses con días máis longos.
 


O exército de fume (Xerais, 2018), Manuel Gago
A segunda novela de Manuel Gago (Palmeira, 1976) é unha historia trepidante sobre o maquis antifascista e as pegadas da presenza nazi na Galiza coetánea da Segunda Guerra Mundial. Co libro acabado de chegar ao andel de novidades, tres buceadores descubriron os restos do submarino alemán U966 Gut Holz na costa de Estaca de Bares. O exército de fume contén eses e outros episodios singulares, válese dos mecanismos da narrativa popular -thriller, noir, aventuras, espías- e xoga a mover os límites entre realidade e ficción.

oryx e crake

Oryx e Crake (Rinoceronte, 2018), Margaret Atwood

A distopía política ocupa parte importante da traxectoria narrativa da canadiana Margaret Atwood (Ottawa, 1939). Agora popular por O conto da criada e a correspondente serie televisiva, Oryx e Crake -orixinal de 2003 e vertida ao galego por Estela Villar- presenta un mundo posapocalíptico en que un dos seus protagonistas lembra o seu pasado: dominaban as corporacións multinacionais, os propietarios vivían en comunidades pechadas e a manipulación xenética movíase ao centro da escena. Certa crítica estadounidense percibiu na novela “unha parábola, un imaxinativo texto para o movemento antiglobalización”.

 

Do amado amodo (Galaxia, 2018), Manuel Outeiriño

Había 13 anos que Manuel Outeiriño (Ourense, 1962) non publicaba un libro de poemas. En Do amado amodo regresa á súa tan particular poética, inzada de referencias culturalistas, cun pé no pop, outro no popular e un terceiro -si, un terceiro- no que unha vez se chamou alta literatura. Máis sereno, menos sarcástico que en Depósito de espantos (1994) ou Letras vencidas (1999), o autor inclúe altas doses de política na súa poesía. “Cuspe na cara da beleza / e pregunta de novo / perante o convulsivo: / de onde vén a teima de sermos servos?”, escribe en Rimbaud, contra a cosmética.

o país sen fronteiras

Noites de safari (Xerais, 2018), de Marlene MaLone

Literatura de combate erótico. Relatos de caza e captura, de emancipación feminina. Humor cáustico, escrita impúdica, narración provocadora, apoloxía do empoderamento. A literatura de Marlene MaLone/Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) é urbana, e a urbe que describe resulta a propia da actual fase do capitalismo: vidas precarias -post-it, como titulou o seu debut en 2007-, solitarias, por intres ridículas. MaLone/Zúñiga estabelece unha por intres divertidísima guerra literaria sen cuartel contras os tabús.

 

O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal (Galaxia, 2018), Xerardo AgraFoxo

A literatura de viaxes non é o xénero máis frecuentado polos narradores e narradoras galegos. Porén, Xerardo Agrafoxo (Noia, 1952) xa dedicara un volume ás súas andainas por Cuba -Viaxe á última revolución (2016). Agora recunca e faino en África. O país sen fronteiras narra un mes en territorio do Senegal. Crónica humanista sobre todos os países que hai nun -Dakar, Saint Louis, a terra dos Bassari, a Casamanza-, poboada de xentes do común e referencias artísticas, tamén transita o pasado dun Estado que, acabado de se independizar, presidiu o poeta Léopold Sédar Senghor.

tempo fósil

A simetría das bestas (Urco, 2018), Alberto Ramos

É unha voz punteira entre as novas promocións de novelistas. Alberto Ramos (Compostela, 1986) gañou con A simetría das bestas (Urco, 2018) o premio Antón Risco de Creación Literaria. É o seu quinto libro e nel deita luz narrativa sobre as marxinadas e as diferentes. Elabora lugares de dignidade para uns personaxes cuxa construción literaria, xunta “un moi bo manexo dos recursos narrativos”, salientou o xurado do galardón.  

 

Unha muller perdida (Hugin e Mugin, 2018), Willa Carther

A obra da estadounidense Willa Carther (1873-1947) e a súa repercusión na época aproxímana a unha figura de culto. Autora cualificada, ou acusada, de “nostálxica e romántica”, queríase debedoras do influíente esteiro de Henry James. O groso da súa literatura desenvolveuse nas décadas dos 10, os 20 e os 30. Unha muller perdida é unha novela orixinal de 1923. Traduciuna ao galego Antía Veres. Narra, como outras pezas de Carther, historias do “gran desenvolvemento do Oeste Americano”. “Transmite a beleza e a decandencia dun estilo de vida refinado que esmorece de forma inexorable”, explican as súas editoras galegas.

a nena do abrigo de astracán

Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018), Pilar Pallarés

Sete anos despois de Leopardo son (Espiral Maior, 2011), a poeta Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) regresa ás librarías. Tempo fósil, un libro sobre “a aniquilación e a derrota dunha clase social”, despraza o foco cara ao colectivo. A destrución da casa que erguera o pai, os ósos, a treboada de ruínas que chaman progreso. Os poemas de Pallarés tratan dunha época que se extingue, da perda dun mundo e da súa cultura autónoma, da desaparición da familia. Poesía materialista e nada retórica.

 

A nena do abrigo de astracán (Xerais, 2017), Xabier P. Docampo

É a derradeira novela dunha das figuras máis lidas, e máis queridas, da literatura galega. Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) morreu o pasado xuño pero deixou a manda de Nena do abrigo de astracán, unha obra sobre as miserias e as resistencias cotiás na Galiza de posguerra, sobre como se materializa a dominación -unha anatomía do fascismo, ao cabo- e como se interioriza o control. Docampo, recoñecido autor no campo infantil e xuvenil, explicaba que a escribira ao longo de 15 anos. “Foron tres acontecementos tráxicos que se sucederon coma nunha maldición que caese enriba de nós”, comeza. 



x