Ledicia Costas gaña o 'Premio Nacional de Literatura Infantil'

Ledicia Costas gaña o 'Premio Nacional de Literatura Infantil'

A autora viguesa foi galardoada pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta editada por Xerais e que leva vendidos 8.500 exemplares en galego. 


Ledicia Costas gañou esta segunda feira o 'Premio Nacional de Literatura Infantil' concedido polo Ministerio de Educación e Cultura do Goberno español. Fíxoo coa obra, Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) da que se publicaron  catro edicións en un ano e está a reimprimirse unha quinta edición, segundo a editorial. 

Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).

Outros autores galegos con este galardón son  Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor, Xerais, 2008), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa, 1996), Xabier P. DoCampo(Cando petan na porta pola noite, Xerais 1995) e Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote, 1986).

O xuri definiu a obra como "extraordinaria, humorístca e rachadora no contexto da literatura infantil e xuvenil actual" destacando a súa "fácil leitura", o seu "humor arreguizante" e a habilidade da autora para "desmitificar o mundo da morte". 

En Escarlatina, a cociñeira defunda, Costa mesturou "dous temas que me gustaban literariamente como son a cociña e a morte e o resultado foi este" explicaba en conversa coa xornalista Carme Vidal na entrevista publicada por Sermos Galiza a comezos deste ano